O eDonkey xa ten entorno gráfico para Mac
eDonkey anunciou o lanzamento dunha versión de proba do seu programa de intercambio de ficheiros para Mac, esta vez con interface gráfica fronte á anterior versión baseada en liña de comandos.
Deste xeito os usuarios de Mac teñen doado o achegar ficheiros dunha das redes P2P con máis éxito da actualidade, aínda que a versión completa é de pago, existindo unha versión limitada con publicidade mentres se emprega o programa.
Para o seu funcionamento nos ordenadores de Apple precisa do sistema operativo Mac OS X 10.2 ou superior e un mínimo de 64 Mb de memoria RAM.

Unha dobraxe cómica do Señor dos Aneis triunfa na Internet
Un grupo de coruñeses afeccionados ó Señor dos Aneis decidiu modificar á película cunha nova dobraxe máis cómica que a orixinal baixo o ficticio selo Trola Films, e que agora difunden pola Internet con grande éxito, chegando ás 100.000 descargas segundo El Ideal Gallego.
Polo momento xa teñen dobradas as dúas primeiras películas do Señor dos Aneis e están traballando na terceira e no clásico O Nome da Rosa. Cada dobraxe lévalles uns tres meses, realizándoas con poucos recursos e moito humor.

Así, Juan Mosteiro e os seus amigos modifican a historia do Señor dos Aneis na dobraxe dándolle un toque coruñés no que os hobbits son xitanos que viven en Penamoa, os elfos son gais e o malvado Sauron é George Bush, mentres que os orcos son ianquis. Engaden moitas bromas na dobraxe polo que o que comezou nunha difusión de man en man das películas rematou nas redes de intercambio de ficheiros a través da Internet con grande éxito.

A maioría das webs dos concellos galegos non ofrecen servizos de interese ós cidadáns, segundo un estudo do CCG
A meirande parte das webs dos concellos de Galicia están orientadas cara a promoción turística, esquecendo case por completo a habilitación de novos servizos cara os cidadáns. Este e outros datos despréndese do estudo desenvolvido entre xaneiro e abril deste ano polo Consello da Cultura Galega a través do seu Observatorio da Cultura Galega. Segundo esta investigación, o 45% das cámaras municipais do noso país tiñan presenza na Rede, un total de 141 (de 315). Detrás da sección “saúda do alcalde” (presente, segundo o CCG, no 60 por cento dos sitios analizados), o contido máis habitual “é a información básica sobre o concello, coa localización xeográfica, a historia e outros datos”, sinala o responsable do estudo, Miguel Valverde.
O autor da investigación manifesta ademais que nótase “unha forte tendencia a querer facer unha promoción do concello na maioría das webs, pero apenas unha vontade por levar as novas tecnoloxías ós cidadáns”. Polo que respecta ós servizos, afírmase que o máis habitual é o da información sobre medio ambiente, “o que responde ó carácter rural de grande parte do territorio galego”. A posibilidade de descargar os Plans de Ordenación Urbana é a segunda utilidade que máis se ofrece, seguidos de transportes ou seguridade cidadá. O estudo aporta ademais o seguinte dato: os sitios en Internet das cámaras municipais presenta problemas a múltiples niveis: “A nivel de deseño nótase un desleixo en canto a contidos o problema mais grave é precisamente a falta de contidos. Agás as webs das entidades cunha poboación mais elevada, coma as grandes cidades, as demais carecen de información precisa ou rigorosa, ademais ofrécense poucos servizos ao cidadán", engadiu Miguel Valverde.

Suspenden en EE.UU. a lei anti-pornografía por poder vulnerar a liberdade de expresión
A lei federal aprobada nos EE.UU. que pretendía restrinxir a pornografía na Internet para protexer ós menores foi rexeitada pola Corte Suprema por poder violar a liberdade de expresión.
A decisión foi moi reñida, pois contou con 5 votos a favor e 4 en contra, polo que está claro que o tema resulta complexo e polémico, que aínda dará que falar.
A lei pretendía restrinxir o material sexualmente explícito que aparece en webs comerciais sancionando as infraccións con penas de ata 6 meses de cadea, pero a Corte estimou que sería máis axeitado empregar sistemas de filtrado antes que considerar que certos contidos poderían ser delictivos.

Os ataques informáticos da semana pasada puideron ser moi lucrativos
Os creadores de virus e ataques informáticos están a perder a imaxe romántica que envolve a moitos hackers despois de coñecerse que o ataque informático producido o pasado venres foi responsabilidade do grupo soviético HangUp, que infectou ordenadores en todo o mundo nos que instalaron troianos e capturadores de teclado, de xeito que acumularon moita información financeira que están a vender no mercado negro.
Así, os números de tarxetas de crédito véndense a cantidades que van entre 1 e 3 dólares, pero ó ter centos de megabytes de información poderían chegar a gañar centos de miles de dólares, de xeito que se agarda que continúen as súas agresións na Internet, xa que a actividade resulta moi lucrativa, especialmente se temos en conta a economía rusa.

O UMTS está estancado un mes despois do seu lanzamento
Xa hai un mes que Vodafone e Telefónica Móviles lanzaron comercialmente o servizo de UMTS dun espallamento moi lento e poucos terminais no mercado, polo que parece que a nova xeración de telefonía móbil non remata de despegar.
Os fabricantes de terminais din que non se fixeron pedidos de móbiles nas filiais españolas, os usuarios avanzados quéixanse do escaseo de tarxetas e da pouco información nas canles de distribución, outros critican a pouca cobertura (só 3.566 estacións base operativas), poucos usuarios(menos de 4.000 terminais)... en definitiva, que o mercado da telefonía 3G aínda está moi verde en España.

Terra inxectou 8 millóns de euros en Terra Mobile antes de vendela por 1 euros a Telefónica Móviles
Terra segue a dar que falar, pois en plena burbulla tecnolóxica creara unha división coñecida como Terra Mobile, da que conservaba un 20% da mesma ea primeiros de 2002, pero o 12 de xuño de 2003 cedeu todo o capital a Telefónica Móviles por 1 euro, o que non sorprendeu, xa que a división xeraba perdas pero o abraiante é que no mesmo mes de xuño de 2003 Terra aportara en metálico 8 millóns de euros, segundo se amosa no informe anual de Terra facilitado ós accionistas a semana pasada, o que abraiou a moitos, xa que Terra non estaba obrigada a recapitalizar tal división, xa que podía pechala sen máis ou deixar que a súa participación na mesma se vira reducida pola ampliación de capital realizada por Telefónica Móviles.

Agora hai rumores que apuntan a que tal situación se produciu por acordos con Telefónica Móviles, que é reticente a quebrar empresas por mor da súa reputación.
De tódolos xeitos, a operación non resultaría positiva en absoluto para Terra nin para os seus accionistas, polo que a sorpresa tamén se pode virar en indignación por parte dos accionistas minoritarios.

Steve Jobs presentou as novas características do sistema operativo Tiger
Steve Jobs presentou esta semana unha versión previa da versión máis recente do Mac OS X coñecida como Tiger (que sería a versión 10.4 do sistema operativo), que se venderá na primeira metade de 2005, e que incorpora un interesante motor de busca do sistema, aplicacións novedosas, capacidade de creación de scripts e un novo navegador Safari equipado cun lector de novas sindicadas mediante RSS.
Jobs fachendeou de que o Tiger é superior ó Longhorn que está a preparar Microsoft e que non estará listo ata 2006, polo que consideran que é o momento no que lle poden sacar vantaxe á empresa de Bill Gates.
O novo sistema incorporaría unhas 150 características novas, entre as que se inclúe o soporte total para o procesamento de 64 bits. Aínda que Jobs considerou que a nota máis revolucionaria dos sistema é o motor de busca Spotlight, que indexa os contidos do disco duro incluíndo os contidos e os metadatos dos arquivos.
Cabe suliñar que o buscador Spotlight amosa prestacións presentes no programa desenvolvido para Gnome coñecido coma Beagle, que está moi próximo ó desenvolvemento do escritorio Dashboard, que tamén é moi semellante ó novo escritorio do Mac OS X, polo que xa hai voces críticas por parte da comunidade linuxeira.

Estáncase a evolución das TIC nas empresas españolas
Un informe de AETIC e DMR Consulting, titulado Las Tecnologías de la Sociedad de la Información en la Empresa Española 2003, sitúa á evolución das Sociedade da Información nas empresas españolas nun estado de estancamento, ocupando o último lugar dos países máis desenvolvidos en aspectos como a utilización de ordenadores.
É o 4º ano que se realiza este estudio entre case 3.000 compañías que amosa que o 87% das empresas españolas tiña ordenadores en 2003, incrementándose só nun punto con respecto ó ano anterior, quedando a sete puntos dos principais países da Unión Europea.

A situación actual está moi afastada das previsións realizadas en 2001, nas que se estimaba que no presente ano a penetración dos ordenadores nas empresas sería do 91%. Aínda así, o número de equipos incrementouse dende 8 a 12.
No que ó acceso á Internet se refire, o crecemento é constante e agora sitúase a penetración do acceso no 76%, tendo acceso o 41% dos empregados.
De tódolos xeitos, no que ó aproveitamento da Internet se refire non se acada unha posición tan positiva, xa que só o 5% das empresas teñen extranet, fronte ó 23% de media no resto dos países. Tamén nas páxinas webs suspendemos, con menos dun terzo de empresas con presenza na Internet fronte ó 75% de media na UE.

Apple presenta un monitor LCD de 30 polgadas
Steve Jobs presentou o Apple Cinema HD que é unha pantalla LCD de matriz activa de 30 polgadas cunha resolución de 2560 x 1600 píxeles, sendo a pantalla de alta resolución máis grande do mercado, aínda que tamén sacarán versións de 23 e 20 polgadas.
Os novos monitores tamén incorporarán portos Firewire, USB 2.0 e DVI, polo que se poderán empregar tanto por ordenadores Mac coma por algúns PC (equipados con conector DVI ou co adaptador correspondente).
O deseño da pantalla é de aluminio, cunha base moi delgada, e cunha articulación axustable para inclinar o monitor con comodidade, resaltando por un amplo ángulo de visión (170º), aínda que o seu prezo aínda é moi elevado, xa que o modelo de 30 polgadas custa 3.739 euros. Os modelos de 23 e 20 polgadas comercialízanse a 2.268,99 e 1.469 euros respectivamente.

Unha máquina de escribir que manda correos electrónicos
Os investigadores Aparna Rao e Mathias Dahlström desenvolveron unha máquina de escribir que envía correos electrónicos, como un xeito interesante e orixinal de achegar o e-mail á xente que non guste da alta tecnoloxía.
A máquina é unha Olivetti Lettera 22 modificada cuns chips que interpretan as operacións mecánicas dos usuario e as gardan nunha memoria, de xeito que cando se saca o folio da máquina é capaz de enviar un correo electrónico (grazas a unha conexión de rede na máquina).
A utilidade do invento podería estar nos países pouco desenvolvidos, onde o parque de máquinas de escribir é inmenso, e poderían reacondicionarse para novos usos, resultando unha alternativa ós ordenadores persoais, que precisarían un investimento e unha formación que non se poden permitir.