10 millóns de novos iPhone vendidos na súa primeira fin de semana

luns, 22 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A chegada ás tendas de EE.UU., Australia, Canadá, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Puerto Rico, Singapur e Reino Unido dos novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus converteuse no meirande lanzamento dun teléfono de Apple, rachando as súas marcas anteriores e acumulando unhas vendas de 10 millóns de unidades en só 3 días, o que é especialmente rechamante se o comparamos coas vendas do primeiro iPhone en toda a súa vida (na que chegou aos 6 millóns de terminais), aínda que realmente só está 1 millón por enriba do lanzamento do iPhone 5S e 5C (que si marcara unha grande distancia fronte ao iPhone 5, que só vendera 5 millóns de unidades na súa primeira fin de semana).
Cómpre destacar que o vindeiro venres os novos iPhone van chegar a 20 países máis, entre os que figura España (onde xa aceptan reservas vía web para as tendas oficiais de Apple), polo que é de agardar que a compañía de Cupertino continúe a rexistrar as súas mellores vendas da historia, xa que desta volta o seu smartphone chega a máis países que nunca en tan poucos días e colocando no mercado un impresionante volume de dispositivos, conseguindo evitar os problemas de abastecemento que caracterizaron a lanzamentos anteriores.

PUBLICIDADE