2btube crea 2bkids, unha plataforma centrada en contidos infantís en YouTube

xoves, 13 de outubro do 2016 Redacción

A equipa da rede de contidos 2btube

A rede 2btube, comunidade dixital hispanofalante de formatos audiovisuais para os máis novos segue a medrar e desta volta anuncia a creación de 2bkids, unha división especializada en contidos infantís e familiares en YouTube. Emporiso, 2bkids é a primeira tentativa da network de cara a espallarse fóra do mercado hispanofalante, co apoio dos 60 profesionais de 2btube dende as súas oficinas en Madrid, Miami e Cidade de México.
Indo a 2btube, salientar que achegará os mesmos servizos que 2btube mais encamiñándose a unha audiencia internacional en todos os idiomas, formada por nenos de até 10 anos e as súas familias.
O proxecto está liderado por Juan Baixeras, quen se incorpora á empresa como director xeral de 2bkids. Juan Baixeras conta cunha ampla traxectoria no mundo do lecer e a educación infantil, foi director xeral Zinkia (Pocoyó) e é o fundador de Little Smart Planet, unha plataforma de videoxogos educativos
2bkids xa conta con 30 canles de YouTube que suman máis de 80 millóns de visualizacións ao mes. A estes talentos 2btube ofrécelles un asesoramento personalizado enfocado en acadar dous obxectivos: aumentar a súa audiencia (mellorando a súa canle grazas aos seus expertos e ás súas ferramentas premium) e aumentar os seus ingresos (mediante as accións con marcas e o incremento en visualizacións).
Para achegarnos un pouco a 2btube, abonda con dicir que esta network ten só 2 anos de vida e dende a súa posta en marcha conta con máis de 600 canles de YouTube que suman máis de 500 millóns de visualizacións ao mes e 50 millóns de subscritores. Arestora, 2btube ocupa a posición número 23 da listaxe mundial de networks segundo SocialBlade.

PUBLICIDADE