4gotas.com achega dende hoxe información sobre o tempo e o mar dun xeito próximo

martes, 2 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela serviu esta mañá de escenario para o acto de inauguración dunha nova páxina web de información meteorolóxica que serve de cara visible para 4gotas atmosfera&oceano, S.L., proxecto empresarial promovido polos meteorólogos Carlos F. Balseiro, Pablo Carracedo, Beatriz Hervella e Eduardo Penabad, que contaron co equipo de A Navalla Suíza para que as súas ideas puidesen plasmarse na Rede.
4gotas quere prestar servizos oceanográficos e meteorolóxicos mediante un enfoque diferente e creativo, mantendo o rigor e a profesionalidade. Este novo equipo formado por catro gotas exercerá funcións de consultoría no eido da meteoroloxía e oceanografía, desenvolverá aplicacións para dispositivos móbiles, ofrecerá servizos a medios audiovisuais e difundirá contidos de carácter oceano-meteorolóxico na web.

Os responsables de 4gotas.com premeron hoxe virtualmente os botóns que permitiron arrincar a este proxecto na web

O novo espazo web nace en resposta á pouca personalización das predicións do tempo na Internet e o carácter xenérico das mesmas, de aí que ofrezan non só un servizo de información flexible, senón tamén en contacto co público, tanto a través das redes sociais como dunha sección chamada O ascensor, respondendo ao tópico de que un dos temas de conversa máis habituais nos ascensores é o estado do tempo.
Os contidos de 4gotas.com van dende os convencionais prognósticos dos estado do ceo e de temperatura de cada cidade ata uns innovadores prognósticos relativos á saúde (entendendo que determinados cambios atmosféricos teñen unha relación directa co agravación de distintas enfermidades en persoas especialmente sensibles). Dedican unha especial atención á predición marítima, con información detallada de máis de 140 puntos, tanto próximos á costa como en alta mar, cun horizonte de previsión de ata 9 días.

Entre as innovacións de 4gotas está un mapa do tempo que pode entenderse en 10 segundos

Entre as propostas de 4gotas tamén está un videoblog semanal 1 gota de nube, no que relacionarase o tempo coa arte, a literatura, a historia ou a saúde; e o blog 4 cousas onde se explican diariamente conceptos do tempo nunha linguaxe próxima.
A toda esta oferta aberta de balde para o público, súmanse servizos de pagamento, como a predición meteorolóxica para eventos (que permite contratar prognósticos con 3, 7 ou 14 días de antelación), alertas ring (para recibir unha mensaxe cada vez que se cumpran unhas condicións definidas polo usuarios, como se vai chover na nosa vila) e predicións do mar avanzadas. Calquera destes servizos teñen uns prezos moi axustados, resultando de grande utilidade para quen precise información meteorolóxica á súa medida.


Unha mostra do que será o videoblog semanal de 4gotas.com

PUBLICIDADE