9 canles terán que abandonar a TDT antes do 6 de maio

venres, 28 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Atendendo a unha sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo do 27 de novembro de 2012, hai un ano o Concello de Ministros anulou o acordo de xullo de 2010 no que se asignaba un múltiple dixital de cobertura estatal para cada unha das sociedades licenciatarias do servizos de TDT de ámbito estatal sen mediación de concurso, medida que debería terse traducido no cesamento de emisións de 3 canles de Atresmedia, 2 canles de Mediaset, 2 de Veo TV e 2 de Net TV, pero ao non facerse efectiva esta medida, o Tribunal Supremo dirixiuse ao Ministerio de Industria para que faga cumprir coa súa anterior resolución, polo que veñen de ordenar que o peche de 9 canles de TDT sexa efectivo antes do 6 de maio, impóndose sancións económicas de non cumprirse o requirimento xudicial.
Dende a Unión de Televisións Comerciais Asociadas (UTECA) consideran “inaudita” a medida e piden amparo ao Constitucional, por considerar que o Ministerio de Industria tivo meses dabondo para solucionar o anterior erro administrativo. Critican que a medida reducirá o pluralismo televisivo e suporía “unha grave lesión dos principios de seguridade xurídica”. De feito, varias canles xa decidiron adiantar o seu peche na TDT, como a MTV (que xa suspendeu emisións) e AXN (que abandonará a TDT o 30 de abril). Tras estas dúas baixas espérase que tamén desaparezan 13TV, a teletenda que substituíu ás emisións de Marca TV, Paramount Channel, Boing, Nueve, Nitro, Xplora e laSexta 3.
O peche de canles de TDT pode axilizar a liberación do dividendo dixital, o que suporá un paso decisivo para a implantación da telefonía móbil 4G en España.

PUBLICIDADE