A AELG habilita unha axenda web para dar conta de todo o que aconteza vinculado ós libros na nosa lingua

venres, 13 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de habilitar un novo servizo dentro da súa páxina web. Estamos a falar dunha Axenda Cultural encamiñada a dar conta das novas que xera o sistema literario galego, permitindo ós socios e socias da entidade e ós visitantes en xeral, ter ó alcance da man toda a información actual (e actualizada) que precisen vinculada ós libros escritos na nosa lingua. Segundo informa o colectivo de escritores, “a Axenda Cultural da AELG conta cun sistema de busca por categorías que dan conta de presentacións de libros, conferencias, homenaxes, premios e calquera outra iniciativa relativa á literatura no noso país, ás que se pode acceder tamén por xéneros literarios”.
A apertura do servizo significa un paso máis na aposta da AELG pola Rede como medio de acadar un dos seus principais obxectivos: acurtar a distancia que afasta ós autores galegos e galegas dos lectores (reais e en potencia) espallados polo mundo enteiro. Para a asociación, esta ferramenta informativa constituirá asemade un importante pulo para a proxección da web na comunidade internauta, que a día de hoxe xa foi alén do medio millón de visitas.

PUBLICIDADE