A AMTEGA publica o código fonte do portal MapaTIC.gal
luns, 31 de agosto do 2015
A AMTEGA vén de publicar no
Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia o código fonte do portal
MapaTIC, xunto coa súa documentación, ambos baixo licenzas libres. Esta
liberación vai permitir a reutilización por parte doutras administracións, con
iniciativas similares, dun portal web que achega a oferta de solucións TIC aos
posibles demandantes das mesmas.
O portal MapaTIC.gal achega a oferta do catálogo de produtos e servizos TIC das
empresas galegas do sector ás empresas doutros sectores que demandan solucións
tecnolóxicas. O portal ten rexistrados 331 provedores tecnolóxicos e 768
solucións e servizos TIC. Os provedores que se rexistran no MapaTIC poden
publicar as súas ofertas tecnolóxicas e poden responder as demandas de
solucións que formulen os posibles compradores.
As PEME e autónomos que se rexistren no MapaTIC poden publicar as súas demandas
tecnolóxicas para recibir ofertas de provedores existentes, acceder a
información detallada de solucións, identificar ó provedor tecnolóxico máis
próximo, comparar varias solucións ou mesmo coñecer casos reais de outras
empresas que xa implantaron unha determinada solución.
Esta
publicación do MapaTIC como Software Libre enmarcase no Plan de Acción en
materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da
Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de
software. O portal MapaTIC foi liberado cunha licenza libre GPL2 (General
Public License version 2). O código fonte pode ser descargado dende a páxina do
proxecto no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.