A Academia Postal acolle un curso de seguridade en redes para desempregados

luns, 5 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A Academia Postal vén de pór en marcha unha actividade formativa dirixida a facilitar a creación de emprego na nosa terra a través das novas tecnoloxías da información. Amais disto, a actividade en cuestión diríxise a fortalecer a capacidade dos nosos profesionais á hora de pór en marcha medidas para salvargadar esas tecnoloxías.
Máis polo miúdo, trátase do curso de Técnico en Seguridade de Redes e Sistemas, unha actividade convocada para persoas en desemprego que se desenvolverá até o día 21 do mes de outubro na sede que a Academia ten na rúa República Arxentina de Santiago.
O curso, que está financiado ao cen por cen pola Xunta (Consellería de Traballo), vai dirixido a persoas con titulación en informática que neste intre se atopen no paro ou ben como demandantes dun posto de traballo. Os requerimentos que se piden para participar nesta actividade (que é teórico-práctica e que atende a contidos informáticos abertos e pechados) son os seguintes: ser demandante de emprego, ter estudos en informática (ciclo superior, diplomatura ou licenciatura) e garantir asistencia continua.

PUBLICIDADE