A Aula de Informática do Milladoiro abre o prazo de matrícula para os seus cursos

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Redacción

A pasada semana abríase o prazo para inscribirse nos novos cursos da Aula de Informática do Milladoiro que se levarán a cabo nos meses de xaneiro, febreiro e marzo. Emporiso, as inscricións pódense realizar na propia Aula de Informática (Casa da Cultura do Milladoiro): ben de xeito presencial, en horario de Aula Aberta (luns a xoves de 16 a 20 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas); ou ben se poden tramitar as inscricións de xeito telemático enviando un correo electrónico ao enderezo habilitado (informatica.milladoiro@concellodeames.gal) axuntando o impreso de solicitude (no apartado descargas).
As xornadas en cuestión deste trimestre serán de iniciación á Internet, un curso de mecanografía e un obradoiro de como usar unha conta de correo electrónico. Asemade, a Aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de aula aberta para consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información.
En canto ao número de prazas, cómpre dicir que se irán cubrindo por orde de inscrición, con preferencia para as persoas que non participaron nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Engadir que para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas.

PUBLICIDADE