A Autoridade Portuaria da Coruña, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG

xoves, 26 de maio do 2016 Redacción

A Autoridade Portuaria da Coruña recibirá o premio Iniciativa Empresarial que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) polo proxecto Smart Port A Coruña. Segundo informa o Colexio, esta iniciativa propón un modelo avanzado e pioneiro de xestión integrada a través dunha fórmula cos seguintes ingredientes: innovación, intelixencia e novas tecnoloxías. Estes ingredientes veñen da man da alianza empresarial creada por Emetel e Altia, a UTE Avante, que traballa neste proxecto cunha rede de socios composta por universidades e centros tecnolóxicos. O galardón, coma os restantes convocados polo CPEIG (un total de oito) concederase no decurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar o vindeiro 3 de xuño en Santiago de Compostela.
Smart Port A Coruña, informa o CPEIG, quere dar resposta a problemas concretos. Moitos deles, sinala, teñen que ver coas dificultades para xestionar da maneira máis óptima e eficiente posíbel o gran volume de procesos e operacións cotiáns aos que ten que enfrontarse cada día o Porto da Coruña. Estes retos levárono a apostar por “unha solución tecnolóxica a medida” cunha contorna única que combina información, automatización e intelixencia e habilita á comunidade portuaria para o desenvolvemento de operacións e servizos dun xeito integrado, seguro, eficiente e innovador.
O proxecto representou un investimento superior aos 4.700.000 euros e foi co-financiado a través do programa operativo FEDER de I+D+i por e para o servizo das empresas. “A iniciativa converte o Porto da Coruña en pioneiro na implantación dun modelo de xestión integrada a través da innovación, a intelixencia e as TIC”, engade o CPEIG, que lembra que as claves de Smart Port A Coruña son a captación e o proceso de datos e información a todos os niveis; a súa capacidade autónoma para transformar os datos en información útil que permite a toma de decisións en tempo real; e a súa capacidade de adaptación aos sistemas de xestións existentes, incorporándolles innovación e tecnoloxía para mellorar e facilitar o traballo de todas as persoas.

PUBLICIDADE