A Axencia Espacial Europea crea unha plataforma de nube privada con tecnoloxía aberta de Red Hat

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

A Axencia Espacial Europea (ESA) aposta de cheo polo software libre. Así o confirma o feito de ter creado unha plataforma de nube privada con tecnoloxía de Red Hat, un dos provedores referentes a nivel mundial en materia de ferramentas abertas para as empresas. A infraestrutura cloud deseñada pola ESA diríxese a ofrecer servizos tecnolóxicos avanzados para as comunidades usuarios do organismo europeo. A plataforma baséase en Red Hat Entreprise Linux e, a xuízo da multinacional do software libre, “xa demostrou ser flexíbel e fiábel nas contornas críticas nas que traballa a Axencia”. Tanto foi así que logo de comprobar “os resultados excepcionais”, a ESA rematou a integración dunha infraestrutura semellante noutro centro de datos de seu.
Os traballos leváronse a cabo seguindo de preto un dos obxectivos básicos da Axencia: garantir que os investimentos en tecnoloxías aeroespaciais redundan en beneficio de todos os cidadáns europeos. Así, un dos cometidos do departamento TI da ESA é dar soporte a aqueles usuarios que operan en toda Europa e que precisan aplicacións específicas e información dispoñíbel en todo intre. A raíz disto, desenvolveu a infraestrutura de nube privada chamada ESA Cloud, unha tecnoloxía baseada en arquitectura Blade x86 e, como dixemos, na tecnoloxía Red Hat Enterprise Linux. Para arrancar, a plataforma xa acubilla unha gran variedade de servizos, como por exemplo contornas de desenvolvemento de software e testing, contornas de reprocesamento de datos por satélite, sistemas de xestión de documentos e servizos tradicionais de TIC corporativos (a engadir aos xa existentes) e que están a disposición dos equipos da Axencia para as súas operacións cotiás.
O equipo da ESA traballou estreitamente con Red Hat Consulting durante a posta a punto e a personalización do sistema operativo de Red Hat para o proxecto, asegurándose de que se garantían todos os requisitos. “Agora”, sinala a empresas de software libre, “as contornas virtuais complexas poden aprovisionarse en poucos minutos directamente aos usuarios finais no canto de adiarse durante meses, ofrecendo verdadeira axilidade e permitindo á ESA poder chegar antes aos seus obxectivos científicos e de negocio”. Ademais, engade Red Hat, “a creación dunha nova infraestrutura baseada en estándares modernos, virtualizados e abertos, e o despregamento da nube da ESA permitiron unha xestión máis simple e eficaz de todos os servizos”.

PUBLICIDADE