A Biblioteca Central do Campus de Vigo procura a identidade dixital para os investigadores

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

A Biblioteca Central do Campus de Vigo quere dotar ao persoal investigador da súa contorna dunha identidade dixital. Segundo fai saber a dirección, entre as principais vantaxes que achegará esta acreditación para os investigadores figura a de poder seren identificados e promocionar a súa produción científica. Estes datos foron achegados por Héctor Castro, técnico da Biblioteca Central, no obradoiro convocado para achegar ao persoal especializado do Campus á creación dun perfil identificador na Rede. O obradoiro, de natureza práctica, acolleu 30 docentes e investigadores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e céntrase máis polo miúdo no sistema ORCID, entidade sen arela de lucro que se dirixe a dar forma a un rexistro universal de investigadores.
A actividade, impartida por Héctor Castro e Laura Fernández (directora da Biblioteca Central), desenvolveuse por vez primeira no Campus baixo o seguinte epígrafe: Creación e xestión do perfil investigador. O seu gran obxectivo, como dixemos, foi botar luz (en compaña dos investigadores) nas posibilidades que se abren cun sistema tecnolóxico que a través de códigos numéricos permiten ligar un termo identificador cunha produción científica concreta: xuntando todo nun mesmo perfil e abranguendo información biográfica, curricular e académica. A idea, sinálase, “é contribuír a visualizar a produción científica e, tamén, aumentar a visibilidade da institución á que pertencen as investigadoras e investigadores”.
Os contidos do obradoiro, que se desenvolveron en tres sesións este mércores, abranguen tamén a análise doutras iniciativas de identificación, así como das pautas fixadas pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnología) para a normalización da súa sinatura científica, de tal xeito que permitan “que as súas publicacións sexan localizábeis de maneira doada nas bases de datos”.

PUBLICIDADE