A CEL e o Centro Tecnolóxico da Información impulsarán as TIC entre as empresas lucenses

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación CTIC Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación asinaron este xoves 22 un acordo de colaboración co obxectivo de desenvolver accións conxuntas no eido da innovación e as novas tecnoloxías da información. Estas actividades irían destinadas a beneficiar ás PEME e ás microempresas de Lugo e provincia. Na formalización do acordo participaron Jaime López, secretario xeral da CEL, e Pablo Priesca, director xeral de CTIC. Lembrar que esta última é unha entidade creada en 2003 e con sede en Xixón. O seu cometido é achegar coñecemento e experiencia para o desenvolvemento de programas de asesoramento e apoio ás empresas. Mediante a dita alianza, o CTIC xunta a súa bagaxe no ámbito empresarial á experiencia análoga da CEL, aplicábel neste caso a Lugo e provincia.
Máis polo miúdo, o que se busca é “impulsar a mellora competitiva das empresas de Lugo a través da incorporación do TIC e posta en marcha de procesos de innovación”. Entre as posíbeis actividades a realizar atópanse as seguintes: o apoio específico ás empresas lucenses na adopción de TIC, o desenvolvemento conxunto de programas de divulgación en innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de iniciativas de fomento do emprendemento de carácter innovador e empresas de base tecnolóxica ou o fomento da I+D+i entre as empresas, entre outras.
Jaime López, sinalou salientou na sinatura “a oportunidade que supón unha maior colaboración e proximidade cos empresarios e institucións asturianas, cos que a provincia de Lugo ten fortes ligazóns e intereses coincidentes”. Lembrou igualmente que Asturias é “unha saída natural para os produtos de Lugo (a través polo momento da Autovía do Cantábrico)”, pero tamén unha “comunidade irmá” en cultura e características do tecido empresarial, e subliñou o peso da Fundación CTIC como entidade “cunha traxectoria de traballo intimamente ligada non só ás novas tecnoloxías senón tamén a importantes empresas asturianas, tanto grandes como moi pequenas, e como oficina de referencia na xestión de fondos europeos para desenvolvemento de proxectos de innovación e TIC en España”.
López manifestou tamén que dende as empresas non se poden obviar datos como que o 32% da poboación española merca xa por Internet, “unha cifra por baixo da media da UE pero en ascenso”. De feito, engadiu, o comercio electrónico rexistra taxas de medre anual que roldan o 15% e, ademais, o 80% da poboación española é xa internauta, sendo a metade dos usuarios da Rede usuarios (tamén) das comunidades sociais.
Na súa opinión é de urxencia impulsar a provincia de Lugo en materia TIC. Segundo fixo saber, “existe na provincia un alto grao de fragmentación do tecido empresarial e unha baixa cultura da adopción das novas tecnoloxías polas PEME, especialmente no ámbito das microempresas, como reflicten os datos estatísticos do INE”.

PUBLICIDADE