A CNMC aproba a compra de Yoigo por parte de MásMóvil

mércores, 7 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Tras chegar a un acordo de compra do 100% das accións de Xfera Móviles S.A. (Yoigo) por parte de MásMóvil por 612 millóns de euros, faltaba a aprobación por parte dos organismos reguladores, especialmente polo feito de que Yoigo é o cuarto operador móbil con rede de seu, polo que era posible que se establecesen condicións para a adquisicións, e finalmente a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) anuncia a aprobación da operación sen impor condicións.
De feito, dende a CNMC “aplauden a incorporación de novos operadores móbiles que contribúan a incrementar a competencia na prestación de servizos minoristas de comunicacións móbiles”. O organismo tivo en conta que MásMóvil é un OMV, ou sexa, que carece de rede propia, e coa compra de Yoigo mudaría a situación, podendo así desenvolver unha oferta converxente sobre a base de redes propias fixas e móbiles para rivalizar cos tres grandes operadores que prestan servizos de comunicacións electrónicas converxentes (fixo+móbil), considerando que a concentración das compañías é positiva.

PUBLICIDADE