A CNMT multa a Telefónica por reportar incidencias en liñas alugadas á competencia como falsas avarías

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo unha multa de 5 millóns de euros a Telefónica de España, S.A.U. ao considerala responsable dunha infracción moi grave ao incumprir o regulamento da oferta maiorista do bucle de acceso de aboado durante o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de outubro de 2015, período no que constataron que Telefónica non se responsabilizou dunha grande proporción de avarías nas liñas dos clientes doutros operadores, considerando os traballo solicitados polos operadores rivais como falsas avarías e aplicándolles penalizacións (de 26,12 euros por liña).
Estas penalizacións aplicadas por Telefónica deberían imporse só en casos moi concretos, realizando comprobacións determinadas, realizando unha clara identificación e documentando correctamente o acontecido ao operador alternativo, condicións que non se cumpriron nos casos analizados durante a instrución do expediente. A CNMC estima que entre o 53,8% e o 78,2% das falsas avarías identificadas por Telefónica estarían mal imputadas, e dado que a problemática asociada aos incidentes pode prexudicar seriamente aos operadores alternativos (tanto con perdas económicas como de credibilidade) optouse por sancionar a Telefónica.

PUBLICIDADE