A CNMV recoñece que os operadores con rede propia teñen que compartir o 4G cos OMV

venres, 21 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A Comisión Nacional do Mercado da Competencia, tras moitos meses de silencio sobre a posibilidade de que os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) poidan ofrecer banda larga mediante 4G aos seus clientes, finalmente reacciona e recoñece a obriga de que os tres grandes operadoras con rede de seu (Telefónica, Vodafone e Orange) compartan as súas redes 4G cos OMV, aínda que a CNMC toma unha posición pouco tallante, e insta as compañías á chegar a acordos e só recorrer ao ente regulador no caso de fracasar as negociacións.
A situación actual supuña un grande freo para a competencia no sector, xa que limitaba as ofertas dos OMV ao non ter a posibilidade de achegar conexións 4G aos seus clientes, deixándoos nunha desvantaxe competitiva que en moitos casos os prezos reducidos non podían compensar, o que supuxo incluso que compañías como Pepephone deixasen de gañar clientes. De feito, durante estes meses o conflito provocado polo rexeitamento de Vodafone a compartir a súa rede 4G con Pepephone levou a esta última compañía a chegar inicialmente a un acordo con Yoigo e, finalmente, con Movistar, para poder ofrecer 4G en breve, aínda que toda esta operación supuxo grandes problemas para o OMV, que leva meses sen poder ofrecer novas tarifas nin poder clarexar o seu futuro, ante a incerteza das condicións nas que ofrecería o servizo nos seguintes meses, do que en boa medida é culpa a CNMC, organismo que rexeitou tomar partido no conflito que durou moitos meses.
Temos así que a nova postura da CNMC chega mal e tarde, pois varios OMV xa chegaron a acordos pola súa conta, xa que non só Telefónica dará 4G a Pepephone, senón que tamén Orange fará o mesmo con Jazztel, sendo polo momento Vodafone a única compañía que non moveu ficha. Amais, a CNMC non establece en ningún momento unhas condicións mínimas para a prestación do servizo 4G aos OMV, o que a estas alturas, co dividendo dixital a piques de liberarse, resulta bastante rechamante, e deixaría en evidencia a pouca operatividade do ente regulador.

PUBLICIDADE