A Cámara de Comercio de Santiago quere iniciar na venda electrónica a empresas de toda a cidade e comarca

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

Sen uso de ferramentas web e redes sociais, é difícil que os nosos negocios medren. Poderán sobrevivir ligados á súa actividade tradicional, pero estarán máis expostos aos embates da competencia e dende logo verán como diminúen moitas posibilidades de crecemento, diversificación e internacionalización. Así o entende a Cámara de Comercio de Santiago, que vén de pór e marcha un plan de balde “para mellorar e modernizar os negocios comerciais da cidade e da comarca”. Esta estratexia, lanzada da man Consellería de Economía, diríxese a fomentar a competitividade, a aumentar o uso das novas tecnoloxías nos sistemas de xestión empresarial e apoiar o relevo no negocio.
Segundo informa a Cámara, poderá participar nos diversos programas formativos que se inclúen calquera PEME ou emprendedor do sector do comercio da demarcación cameral que terá que inscribirse nas dependencias a entidade en Santiago, no viveiro de Costa Vella ou na Antena Local de Boiro.
O plan abrangue un programa de asesoramento a emprendedores e servizo de xeomarketing comercial. Está orientada esta primeira parte da estratexia a fomentar a creación de novas PEME comerciais, ofrecendo consellos e apoio ao emprendedor no inicio do seu negocio en cuestión de trámites e información de axudas, lexislación ou fórmulas comerciais.
O seguinte programa será de apoio ao relevo comercial para que as empresas continúen coa súa actividade unha vez que os seus propietarios ou arrendatarios decidan abandonar o negocio.
Outra achega complementaria, a que nos toca máis preto, centrará esforzos na iniciación ao comercio electrónico e redes sociais dos nosos negocios co obxecto de aumentar as vendas mediante o uso destas canles de comercialización. Haberá, ligada a isto, actividades de asesoramento tecnolóxico-dixital para o comercio no punto de venda, destinadas á consolidación e crecemento dos negocios comerciais e á adaptación dos novos hábitos de consumo dos clientes. “Os comercios”, informa a Cámara, “terán a súa disposición un asesoramento personalizado e un completo diagnóstico da súa situación”. Aqueles recibirán ao final un informe de propostas e recomendacións e un terán un seguimento da súa implantación.
Para rematar, o plan inclúe un estudo de situación das prazas de abastos de Santiago de Compostela, Boiro, Padrón, Noia, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira. Realizará unha análise Dafo, recompilará información xeral sobre o estado estrutural da praza, fará un perfil comercial e identificará accións de dinamización comercial.

PUBLICIDADE