A Cámara de Comercio de Santiago achega formación de balde sobre posicionamento

martes, 15 de setembro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar unha xornada de balde, o día 23, sobre as cousas que podemos pór en práctica para que os internautas nos visualicen máis e mellor nas novas canles. A actividade, unha xornada de innovación inserida no programa Feira do Coñecemento, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Mellora a túa imaxe e posicionamento en Internet. Celebrarase no salón de actos da Cámara de Comercio entre as 11:00 horas e as 14:00 horas.
Esta actividade terá un formato de formación e auditoría sobre o posicionamento e a imaxe en Internet, dirixida a pequenas e medianas empresas que poidan estar interesadas en coñecer as claves que melloren a súa estratexia e visibilidade na Rede. A xornada estará impartida por representantes da empresa NASAS, Axencia Creativa de Marketing Online. Tralo relatorio ofreceranse encontros individuais para analizar, “caso a caso”, a estratexia que levan a cabo as empresas a través de Internet. As persoas interesadas en recibir atención personalizada deberán inscribirse na web da Cámara de Santiago. Esta acción formativa está financiada polo Fondo Social Europeo e as Cámaras de Comercio.

PUBLICIDADE