A Cidade da Cultura acolle este sábado a gran xornada de arranque de Rapaciñ@s

venres, 2 de outubro do 2015 Redacción

Mañá sábado, 3 de outubro, o edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia e os espazos lindeiros acollerán o arrinque das xornadas Rapaciñ@s A tecnoloxía ben segura, impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As xornadas abranguen unha serie de charlas informativas que conformarán unha xira por toda Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que dará comezo co gran evento programado para esta sábado na Cidade da Cultura.
Segundo informa a colexio, “familias e tamén docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan”.
Para asistir ás conferencias e obradoiros do sábado non é necesaria inscrición previa e as prazas cubriranse por orde de chegada.

Programa:
Xornada para nais e pais

      • Lugar: Salón 1 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura
      • Horario: 16:45 H. – 20:00 H.
      • Obxectivo: análise do uso que fan os menores da Internet e dos seus riscos desde diferentes perspectivas. Instrumentos de apoio ás familias para previr riscos.

16.45 H. Benvida e presentación da xornada.
17.00 H. Enrique Dans, "Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar". Profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990, Dans é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidade de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.
18.30H. Rocío Ramos-Paúl: “Educar na era dixital”.
Licenciada en Psicoloxía, Máster en Psicoloxía Clínica e educadora de menores, Rocío Ramos-Paúl conduce desde 2006 un programa de televisión co obxectivo de amosar directrices educativas. É autora de “Manual de Supernanny” (Santillana), “Aprendiendo a enseñar” (Paraninfo), “Mi hijo no come” (Aguilar) e “Niños desobedientes, padres desesperados” (Aguilar).

Obradoiros para nen@s
Obxectivo: Ofrecerlles aos menores actividades relacionadas coas novas tecnoloxías nas que se combinan o aspecto lúdico co didáctico.
Idades recomendadas: de 8 a 14 anos.
Horario: De 16.30 H. a 20.00 H.
Temáticas: navegación segura e creatividade tecnolóxica.
-Makey-makey (robótica para nen@s).
-Protección de datos.
-Realidade aumentada.
-Usos sen riscos de Internet e telefonía móbil.
-Minecraft.
-Lego.
Lugar: Espazos lindeiros ao Salón 1 do Edificio Cinc.
Empresas encargadas dos obradoiros: Bq, Imaxin Software, Tech Academy e Vodafone-Pantallas Amigas.


Máis datos sobre Rapaciñ@s
Os encontros do programa van dirixidos a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e 14 anos co obxectivo de sensibilizalos e formalos acerca dos ricos dun mal emprego de Internet, das redes sociais e dos dispositivos, e tamén (por suposto) expoñer en detalle os moitos beneficios que poden tirar dun uso axeitado destes recursos. Como dixemos, a xira comeza este 3 de outubro no Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia e na súa contorna. Na xornada do día 3 de outubro, que comezará ás 17.00 horas, o profesor de Sistemas de Información en IE Business School, Enrique Dans, abordará os riscos na rede coa charla Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar. A continuación, a psicóloga Rocío Ramos-Paul, autora do Manual de Supernanny, exporá as cuestións relativas á Educar na era Dixital.
En paralelo celebraranse obradoiros para nenos de entre 8 e 14 anos sobre navegación segura, realidade aumentada, protección de datos, etc... actividades todas elas que “combinarán aspectos lúdicos e didácticos”, informan os organizadores, que engaden que para algunhas destas as/os participantes poderán precisar dun dispositivo intelixente ou dunha tableta. Esta xornada de arranque será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que ao fío das motivacións que alentaron este programa de actividades sinalan que “a era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e os nenos”. Polo tanto, Rapaciñ@s vai de normas e límites para un emprego seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

PUBLICIDADE