A Comisión Europa acusa a Google de abuso de posición dominante

mércores, 15 de abril do 2015 Redacción

A Comisión Europea remitiu un prego de cargos a Google no que alega que a empresa abusou da súa posición dominante nos mercados de servizos de busca xeral na Internet no Espazo Económico Europeo (EEE) ao favorecer de forma sistemática os seus propios produtos de comparación de prezos nas súas páxinas de resultados de busca xeral. A opinión preliminar da Comisión é que tal conduta infrinxe as normas antimonopolio da UE ao obstaculizar a competencia e prexudicar aos consumidores. A remisión dun prego de cargos non prexulga o resultado da investigación.
A Comisión tamén abriu de xeito separada unha investigación formal anti-monopolio sobre o comportamento de Google en relación ao sistema operativo para móbil Android. A investigación centrarase en determinar se Google celebrou acordos contrarios á competencia ou abusou da súa posición dominante no campo dos sistemas operativos, aplicacións e servizos para dispositivos móbiles intelixentes.
Margrethe Vestager, comisaria europea de política de competencia, declarou o seguinte: «O obxectivo da Comisión é aplicar as normas antimonopolio da UE para garantir que as empresas, con independencia da súa nacionalidade, non deneguen artificialmente aos consumidores europeos unha capacidade de elección tan ampla como sexa posible nin paralicen a innovación.
No caso de Google, preocúpame o feito de que a empresa outorgase unha vantaxe inxusta ao seu propio servizo de comparación de prezos, o que infrinxiría as normas anti-monopolio da UE. Google ten agora a oportunidade de convencer a Comisión pola contra. Non obstante, se a investigación confirmase as nosas inquietudes, Google veríase obrigado a facer fronte ás consecuencias xurídicas e a cambiar o xeito en que desenvolve os seus negocios en Europa.
Tamén iniciei unha investigación anti-monopolio formal para estudar a conduta de Google no sector dos sistemas operativos, aplicacións e servizos de telefonía móbil. Os smartphones, as tabletas e demais dispositivos similares desempeñan un papel cada vez máis importante na vida cotiá de moitas persoas e desexo asegurarme de que os mercados neste ámbito poidan desenvolverse sen restricións anticompetitivas impostas por calquera empresa».

Comparación de prezos

Os produtos de comparación de prezos permiten aos consumidores buscar produtos en sitios de Internet de compras e comparar os prezos entre distintos vendedores. A conclusión preliminar da investigación da Comisión aberta en novembro de 2010 é que Google ofrece sistematicamente un trato favorable aos seus produtos de comparación de prezos (chamados agora Google Shopping) nas súas páxinas de resultados de busca xeral, por exemplo, ao mostrar Google Shopping de xeito máis prominente na pantalla. Isto pode polo tanto desviar artificialmente o tráfico de servizos rivais de comparación de prezos e obstaculizar a súa posibilidade de competir no mercado. Á Comisión preocúpalle que os usuarios non vexan necesariamente os resultados máis pertinentes en resposta ás súas consultas, o que prexudica aos consumidores ao mesmo tempo que paraliza a innovación. A opinión preliminar da Comisión é que, para rectificar esta conduta, Google debe tratar o seu propio servizo de comparación de prezos do mesmo xeito que o dos seus rivais. Google ten agora a oportunidade de responder ás alegacións da Comisión nun prazo de dez semanas e, a continuación, solicitar unha audiencia formal. A Comisión considera que, en conxunto, as anteriores propostas de compromiso de Google resultan insuficientes para resolver os problemas de competencia.

Android

Dende 2005, Google liderou o desenvolvemento do sistema operativo móbil Android. Android é un sistema de código aberto e a maioría dos fabricantes de smartphones e tabletas utiliza o sistema operativo Android en combinación cunha serie de aplicacións e servizos propios de Google. Estes fabricantes acordan con Google o dereito a instalar aplicacións de Google nos seus dispositivos Android. A investigación en profundidade da Comisión centrarase en decidir se Google infrinxiu as normas de competencia da UE ao dificultar o desenvolvemento e o acceso ao mercado de sistemas, aplicacións e servizos de telefonía móbil rivais, en detrimento dos consumidores e dos desenvolvedores de servizos e produtos innovadores.

Resposta de Google

Dende Google están en “forte desacordo” coa decisión da Comisión Europea de acusarlle de abuso de posición dominante e deféndense no seu blog europeo con argumentos que sosteñen que os consumidores contan con “máis elección que nunca”.

PUBLICIDADE