A Comisión Europea abre un procedemento formal contra Temu
luns, 11 de novembro do 2024
- Věra Jourová deu conta da investigación aberta ante as malas prácticas de Temu
Tras unha investigación coordinada a nivel europeo, a Rede de Cooperación para a Protección dos Consumidores (CPC), composta polas autoridades nacionais de protección dos consumidores e a Comisión Europea, notificou a Temu sobre unha serie de prácticas na súa plataforma que infrinxen a lexislación de protección dos consumidores da UE.
A acción da Rede CPC contra Temu está liderada polas autoridades competentes de Bélxica (Dirección Xeral de Inspección Económica), Alemaña (Axencia Federal de Medio Ambiente) e Irlanda (Comisión de Competencia e Protección do Consumidor), baixo a coordinación da Comisión Europea.
A investigación coordinada da Rede CPC abarca unha ampla gama de prácticas coas que os consumidores se enfrontan ao mercar en Temu, incluíndo aquelas que poden enganar aos consumidores ou influír indebidamente nas súas decisións de compra. A Rede CPC tamén está investigando se Temu cumpre coas obrigas específicas de información para mercados en liña segundo a lexislación de protección dos consumidores.
A Comisión abriu a semana pasada un procedemento formal contra Temu en virtude da Lei de Servizos Dixitais (DSA), co obxectivo garantir un entorno en liña seguro e de confianza onde os dereitos dos consumidores en Europa estean plenamente protexidos.
A Rede CPC identificou varios tipos de prácticas problemáticas en Temu, que consideran que infrinxen as leis de protección dos consumidores da UE, tales como:
– Descontos falsos: Dar a falsa impresión de que os produtos están en oferta cando non é así.
– Venda con presión: Presionar aos consumidores para que completen as compras mediante tácticas como afirmacións falsas sobre a limitación de existencias ou prazos falsos de compra.
– Gamificación forzada: Obrigar aos consumidores a xogar a un xogo da roda da fortuna para acceder ao mercado en liña, ocultando información esencial sobre as condicións de uso ligadas ás recompensas do xogo.
– Información ausente e enganosa: Amosar información incompleta ou incorrecta sobre os dereitos legais dos consumidores para devolver bens e recibir reembolsos. Temu tampouco informa aos consumidores con antelación de que o seu pedido debe acadar un valor mínimo antes de poder completar a compra.
– Valoracións falsas: Proporcionar información inadecuada sobre como Temu asegura a autenticidade das valoracións publicadas na súa páxina web. As autoridades nacionais atoparon valoracións que sospeitan que non son auténticas.
– Datos de contacto ocultos: Os consumidores non poden contactar facilmente con Temu para facer preguntas ou presentar reclamacións.
Ademais, a Rede CPC solicitou información a Temu para avaliar o cumprimento da empresa con outras obrigas en virtude da lexislación de protección dos consumidores da UE, como a obrigación de informar claramente aos consumidores se o vendedor dun produto é un comerciante ou non; garantir que as clasificacións de produtos, valoracións e puntuacións non se presenten aos consumidores de maneira enganosa; garantir que as reducións de prezo se anuncien e calculen correctamente; e asegurar que calquera afirmación ambiental sexa precisa e estea fundamentada.