A Competición de Robots organizada pola EEI de Vigo chega á súa 2ª edición en abril

xoves, 4 de febreiro do 2016 Redacción

A Escola de Enxeñería Industrial de Vigo xa fixou data para a segunda edición da Competición de Robots, será o venres 29 de abril cando se leve a cabo a proba, organizada pola dita Escola co apoio da Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers da Universidade. Indo á competición, cómpre informar que estará dividida en dúas categorías: WALL-E, para alumnado matriculado en calquera curso de ensino secundario obrigatorio e bacharelato; e R2D2, para os estudantes de calquera titulación superior (formación profesional e titulacións universitarias). É preciso subliñar que esta proba puntúa por primeira vez para a Liga Nacional de Robótica.
O encontro celebrarase en dependencias da EEI (na sede do campus vigués) a partir das 10.30 horas do 29 de abril e nela os equipos participantes, en cadansúa categoría, deberán amosar as habilidades dos seus robots en probas individuais de rastrexo e colectivas de sumo para a categoría WALL-E e individuais de rastrexo e varredor e colectivas de labirinto e sumo, no caso da categoría R2D2.
Para facérmonos unha idea da magnitude do evento, nesta segunda edición supéranse xa os 900 inscritos, distribuídos en 156 equipos, que representan a uns 40 centros de toda Galicia, na súa maior parte da provincia de Pontevedra, pero seguidos moi de preto polos de A Coruña. Pola súa banda, na primeira edición tomaban parte máis de 550 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia. Segundo Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial, o obxectivo desta iniciativa “é achegar a universidade aos alumnos das ensinanzas de secundaria e bacharelato mentres se divirten montando e programando un robot cos seus compañeiros e coa axuda do seu titor... amais de espertar algunha vocación pola enxeñería entre os participantes”. Engadir que esta proba puntúa por primeira vez para a Liga Nacional de Robótica.
O encargado de decidir o gañador será un xurado, composto por membros da dirección da EEI, quen puntuará a actuación dos autómatas, que segundo a categoría, deberán cumprir cunhas normas para a súa construción. Así, os que concorran á categoría WALL-E serán robots desenvolvidos a partir dun kit básico (achegado pola organización) ao que se lle poderán introducir pequenas modificacións, que deberán ser notificadas aos organizadores. No caso da categoría R2D2, os robots terán un tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 centímetros de lado, un peso máximo de 1500 gramos e sensorización, feitura e cor e configuración de tracción libres.

PUBLICIDADE