A Coruña presenta o seu programa de divulgación da cultura dixital

venres, 1 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Esta mañá o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, presentou o programa municipal Coruña Dixital, “destinado a expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas a través das dixitais”, atendendo así á emerxente demanda cultural dunha parte da cidadanía que non só busca consumir produtos culturais, senón que, ante todo, busca formar parte activa de contornas colaborativas, horizontais e abertas onde se compartan os coñecementos e recursos precisos para facer e experimentar por si mesmas con novas ferramentas e procesos creativos.
Esta iniciativa da área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña vai dirixida a persoas interesadas en compartir coñecemento arredor da creación e as prácticas culturais baseadas na colaboración e no dixital, para as que búscase facer máis accesibles estas prácticas.
Para coñecer de preto este proxecto podemos visitar a súa páxina web, baixo o dominio corunadixital.gal, que nace para informar das actividades do programa e dar visibilidade aos obxectivos, espazos e eventos da cidade relativos á cultura dixital, completándose este espazo na web coa presenza en Facebook e Twitter. Cómpre destacar que, aparte do galego e o español, a nova páxina web tamén conta con apartados e inglés e portugués.

Adianto da programación municipal de outono

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, na presentación do programa Coruña Dixital, acompañado polo seu comisario, Sergio Lago.

Na presentación desta mañá o concelleiro avanzou parte da programación municipal de outono, que principiará cun Encontro Dixital o vindeiro 13 de setembro, o primeiro de Galicia con apoio institucional, de axentes e colectivos que traballan arredor destas prácticas de cultura dixital. Esta será a primeira actividade do programa, que permitirá amosar unha panorámica de experiencias, seleccionando as especialmente as distintas formas de traballo colectivo e implicadas coa realidade social máis próxima. Sande recordou que, dentro de Galicia, A Coruña é un dos territorios onde existen máis microcomunidades activas, en especial de colectivos maker e de programación.
O comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, explicou que o programa de actividades para o último trimestre do ano busca complementar a oferta existente na cidade, "achegando novas visións e desenvolvendo procesos con vocacións transformadora". Adiantou que entre outras actividades desenvolverán o vídeo participativo Outras Coruñas, un proceso audiovisual participativo ao servizo das novas narrativas audiovisuais, que partirá de varios obradoiros para conformar un proxecto colectivo desenvolvido desde a colaboración. O resultado será un webdoc colectivo. En outono chegará tamén o Hackathon, un evento que reúne profesionais do deseño, a programación, o cinema e artistas doutros perfís, enfocados nas novas posibilidades narrativas da Internet.
Tamén se impartirá unha charla e obradoiro sobre realidade virtual en 360º, tecnoloxía de gran actualidade nestes momentos, así como un encontro e obradoiro sobre as oportunidades e ferramentas para abrir os repositorios audiovisuais institucionais e comunitarios. Buscarase pór en valor o patrimonio cultural material e inmaterial a través das novas tecnoloxías e o uso audiovisual.
No bloque de actividades relativo a innovación social, tecnoloxía e novas prácticas dixitais terá lugar un Ateneo Atlántico de Prototipado, lugar onde se levará a cabo un laboratorio intensivo aberto no que persoas creadoras, investigadoras e activistas xuntaranse nun clima de cooperación para compartir coñecementos e desenvolver proxectos transdisciplinares. Tamén terá lugar un obradoiro de ferramentas dixitais para o traballo colaborativo en rede dirixido a axentes dinamizadores e colectivos sociais.

PUBLICIDADE