A Deputación da Coruña alenta o espírito innovador de máis de 70 emprendedores
venres, 5 de febreiro do 2016
A Deputación
de Coruña organizou este xoves unha cita cos emprendedores da
provincia para amosarlles xeitos e recursos para impulsar os seus
proxectos de innovación. Na xuntanza participaron máis de 70
persoas. Tratouse dun curso incluído no programa europeo Startup
Europe Week, destinado á formación e asesoramento en materia de
novos proxectos. O encargado de abrir a xornada foi o presidente da
entidade provincial, Valentín González Formoso, que alentou aos
participantes na mesma, sobre todo xente nova, “a pór en marcha as
súas ideas de negocio”. Para isto, dixo, contarán co apoio da
Deputación.
O titular do Goberno provincial, xa nun plano máis
concreto, tamén debullou algunhas das liñas fundamentais do Plan de
Emprego que prepara a institución que representa, “que
multiplicará por seis os recursos que viñamos destinando a esta
área ata agora, e que abranguerá o apoio a iniciativas
emprendedoras como un dos seus eixes principais”. E engadiu:
“Queremos asesorar os proxectos, non só subvencionalos, porque os
cartos públicos deben servir para cumprir un obxectivo e a
Deputación debe servir de panca, non de freo”.
Na súa intervención citou exemplos de iniciativas
empresariais coruñesas “que comezaron de xeito moi modesto e hoxe
en día son líderes nos seus sectores ou desenvolven a súa
actividade empresarial a nivel global”. Precisamente unha boa parte
da xornada centrouse en amosar as orixes e o día a día de varias
empresas arestora punteiras, como por exemplo ConfirmSign.com,
IPGlobal, ou The Bio Factoy. Para explicar en detalle a actividade
destas firmas participaron no curso Frankie Gómez, David Bello e
Broder Fernández Obanza, responsábeis das devanditas empresas,
respectivamente. Tamén interviñeron Víctor Salgado, do Bufete
Pintos & Salgado, especializado en novas tecnoloxías da
información e ciberseguridade, e máis representantes de Abanca, a
Confederación de Empresarios, o IGAPE e a propia Deputación, quen
orientaron aos asistentes sobre os recursos económicos e técnicos
existentes para apoiar a creación de novos proxectos empresariais na
provincia da Coruña.
Durante esta primeira semana de febreiro, diversos
países europeos celebrarán máis de 200 actos dentro do programa
Startup Europe Week, promovido pola Comisión Europea. O de onte será
o único acto incluído nesta iniciativa que se desenvolverá na
provincia da Coruña.