A Deputación de Lugo botou man do Arde Lucus para presentar a súa estratexia Innova-TE

luns, 28 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Non todo foi volta ao pasado en Arde Lucus 2010, a feira antiga que se celebrou a pasada fin de semana en Lugo. Tamén houbo unha ollada ao futuro, ou, mellor dito: unha ollada ao futuro dende o pasado. Esta enleada vén a conto para falarmos dunha serie de iniciativas postas en marcha pola Deputación encamiñadas a pór de manifesto as vantaxes das novas tecnoloxías da información a través dun emprazamento teoricamente oposto pero non tanto: a dita feira romana. Unha destas iniciativas foi o Campamento eco-tecno-lóxico, situado ao carón do Barco Muralla de Lugo (tamén da Deputación) na Praza do Seminario e dirixido a divulgar os pasos que o órgano provincial está dando no camiño da Administración Electrónica nos Concellos.
Para que tanto o contido como a forma desta actividade encaixasen o mellor posible en Arde Lucus, a organización dispuxo tres equipos de gladiadores para cabalgar sobre vehículos personalizados como bigas romanas e transmitindo mensaxes a toda a veciñanza sobre a rendibilidade da administración sen papeis.
A actividade, inserida na promoción de Innova-TE, complementouse con tres grupos de e-cyclopes que percorreron as rúas da cidade carretando pantallas televisivas onde informaron á poboación dos proxectos levados a cabo pola Fundación TIC, dependente do dito ente público, en materia de eAdministración. Amais de todo isto, a Deputación levou a cabo obradoiros de fotografía dixital, sorteos de libros electrónicos e portátiles de baixo custe (ebooks e netbooks), lectores de DNIs Electrónicos e pen drives con feitura de chave.

PUBLICIDADE