A Deputación de Lugo e FADEMUR xuntan forzas para incorporar as mulleres rurais ao autoemprego e ás TIC

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

Cómpre botar abaixo a idea de que as novas tecnoloxías só teñen futuro nos ámbitos urbanos. En todo caso, téñense visto sinais que apuntan ao contrario: onde de certo son precisas as TIC é nos espazos onde máis risco de despoboamento e exclusión social existe. Por exemplo no noso rural, unha paisaxe cada vez máis deshabitada e onde as mulleres só poden ter acceso a unha mínima parte das oportunidades laborais que se ofrecen nas cidades. Inverter este proceso na provincia de Lugo é o obxectivo dunha nova iniciativa tecnolóxica da Deputación, que uniu forzas coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) para fomentar a incorporación de mulleres rurais ao autoemprego e ás TIC.
A iniciativa, que parte dun orzamento de 65.000 euros, foi dada a coñecer polo presidente do órgano provincial, José Ramón Gómez Besteiro, a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, e as representantes de FADEMUR Rosa Arcos e Verónica Marcos. Segundo fixeron saber as responsábeis da Federación, unha entidade que xunta 15.000 socias na comunidade galega, a devandita partida orzamentaria permitirá proxectar mellor a mensaxe da plataforma, “dándolle visibilidade á muller do rural ao tempo que se pon en valor a importancia da economía do rural, arestora desprazada e inexistente nas estatísticas”. E as estatísticas, din, sinalan que hoxe en día hai máis de 131.000 mulleres galegas sen traballo, 20.600 máis que hai cinco anos.
Grazas á achega da Deputación, FADEMUR creará tamén unha páxina web, da que ata o de agora non dispón, e levará a cabo unha campaña a través das redes sociais para incorporar a todas as mulleres emprendedoras e darlles visibilidade ás actividades e produtos artesanais que elaboran.

PUBLICIDADE