A Deputación de Lugo, entre os organismos provinciais que máis tiran partido do Twitter

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

Participantes no congreso InLugo organizado polo organismo provincial

Estar ou non estar nas redes sociais é algo crucial a día de hoxe para calquera organismo ou individuo que se queira dar a coñecer. Tomando boa nota disto a Deputación de Lugo vén de informar que superou a barreira dos 5.000 seareiros na súa conta oficial en Twitter,@depulugo, feito que a xuízo do organismo provincial deixa ver que cada vez máis cidadáns da provincia consideran de gran utilidade estar en contacto permanente coa súa administración.
A transcendencia deste feito enténdese moito mellor tendo en conta o contexto en que se produce. Así o explica a entidade lucense: “En Pontevedra, por exemplo, son 4.130 os que seguen a conta da Deputación; Ourense suma 992 seareiros e a Deputación da Coruña ten 875 seguidores; a maiores, no conxunto de España son poucas as deputacións que melloran os números de Lugo, e as que o fan corresponden a provincias moito máis poboadas, como Málaga, Valencia, Córdoba ou Granada”.
Máis polo miúdo, só durante o ano 2014, o perfil @depulugo publicou 2.200 chíos, que recibiron 1.554 rechíos e 1.027 favoritos. Esta actividade nas redes sociais, engade a entidade pública, esténdese ao blog oficial da Deputación de Lugo, blog.deputacionlugo.org, que conta cada día con máis visitantes; ou á páxina en Facebook: facebook.com/diputacionlugo, con 3.167 gústame a día de hoxe. A canle en YouTube contén 584 vídeos que suman máis de 82.000 reproducións, mentres que o perfil aberto en Instagram, que foi o primeiro en España para unha administración provincial, amorea preto de 500 seguidores.
Para o organismo lucense, a explicación destas cifras está “no xeito no que a Deputación afronta a conversa coa súa comunidade, de maneira achegada, compartindo numerosa información sobre a provincia, ligazóns de interese, respondendo dúbidas e consultas, promovendo iniciativas… en definitiva, empregando estas ferramentas para mellorar a visibilidade da provincia e dos seus valores nas contornas dixitais e, ao mesmo tempo, facendo doada a participación cidadá cunha comunicación inmediata”.

PUBLICIDADE