A Deputación de Ourense estrea web con información do servizo de recollida de lixo
mércores, 20 de xullo do 2016
Este
19 de xullo a Deputación
de Ourense presentaba unha páxina web onde se recompila toda a
información relativa ao servizo de recollida de lixo nos concellos
da provincia de Ourense
adheridos aos convenios entre administracións
(limpourense.depourense.es),
a estrea tiña lugar no Pazo Provincial e a súa finalidade é a de
“proporcionar información clara e estruturada dos diferentes datos
nesta materia que o goberno provincial xestiona, tales como
infraestruturas, medios, proxectos realizados, datos de recollida,
entre outros aspectos”, segundo o deputado provincial de
Cooperación, Pablo Pérez, presente no evento da inauguración da
web acompañado polo xefe de sección de Residuos e Enerxía da
Deputación, Miguel Reza.
Dende un
aspecto máis técnico, con esta plataforma dixital, afirmaba Pablo
Pérez, “os usuarios poderán visualizar a páxina en galego,
castelán e inglés”. Segundo fixo saber, a feitura da web atende
estritamente aos criterios recollidos no Manual básico de imaxe
corporativa da Deputación de Ourense. Asemade, engadiu, o
portal “ten capacidade para representar, tratar e acubillar toda a
información achegada en datos e en puntos xeográficos e, será
compatíbel cos navegadores actuais sendo posíbel consultar a páxina
dende tódolos dispositivos móbiles”. Pola súa banda, Miguel Reza
salientou que “a estrutura e arquitectura desta web resulta de
doado manexo para que todos os usuarios poidan acceder á toda
información relacionada con este servizo”.
A día de hoxe, a Deputación de
Ourense xestiona en réxime de competencia delegada, o servizo
intermunicipal de recollida de lixo en diferentes puntos da xeografía
ourensá. A maiores encárgase da xestión dos servizos
complementarios intermunicipais delegados de recollida selectiva e
dos puntos limpos, así como de servizo supramunicipal de
transferencia de residuos sólidos urbanos e servizo provincial de
lavado de contedores.