A Deputación de Ourense presenta en Madrid as súas iniciativas smart

venres, 20 de novembro do 2015 Redacción

A Deputación de Ourense está estes días participando en dúas xuntanzas sobre medidas para impulsar cara ao futuro (un futuro smart) as administracións. Trátase, por unha banda, do Foro de Innovación dos Gobernos Locais, que se celebra dende onte en Madrid e ao que asisten o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o vicesecretario xeral da institución, Juan Marquina. Pola outra, o organismo provincial galego participou tamén na Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local, que tivo lugar onte en Barcelona, coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.
Sobre as actividades de hoxe, sinalar que ao mediodía o presidente da Deputación presenta no dito Foro (que se celebra no Instituto Nacional de Administración Pública) o seu modelo de xestión para a provincia, baseado nos plans de estratexia operativa Ourense 92 e Plan 15-19 que o Goberno provincial desenvolve no ámbito da innovación e da xestión pública. Segundo informa a institución ourensá, a estratexia de posicionamento da Marca Ourense, a promoción das singularidades da provincia ou a aposta por un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e de participación cidadá son algúns dos eixes da intervención que de Baltar na xornada de hoxe.
Polo que respecta ás actividades de onte no mesmo Foro, Juan Marquina desenvolveu o relatorio Provincia Intelixente, abordando os detalles “da relación directa entre os cidadáns e a Administración Provincial”. Marquina lembrou que o dito epígrafe é dun dos aspectos principais do Plan Ourense 15-19, que recolle 77 accións a executar en 48 meses para facer da provincia “un referente nacional e internacional”. Asemade explicou que o concepto de Provincia Intelixente fai relación ao diálogo coa cidadanía e á creación de “interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado e un equilibrio entre a política e a tecnoloxía”. Engadiu que dende Ourense “cremos que o concepto de Smart City non debe estar ligado só á grandes cidades ou grandes infraestruturas, por iso deseñouse o concepto de Provincia Intelixente como a suma de 92 pequenos proxectos smart".

PUBLICIDADE