A Deputación de Pontevedra avanza na eAdministración co seu novo Boletín Oficial

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Redacción

Formulario de solicitude de inserción de anuncios

O pasado mes de decembro, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o novo Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (en adiante BOPPO) co dobre obxectivo de mellorar o proceso de publicación do boletín e de prestar novos servizos aos cidadáns que o consultan a diario. Coa posta en marcha desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma “o seu compromiso co impulso do uso das novas tecnoloxías na administración pública como ferramenta chave para impulsar a Administración Electrónica e con isto mellorar a eficiencia das administracións”, informa o organismo provincial.
A posta en marcha do novo BOPPO veu acompañada dunha simplificación do procedemento de cara a conseguir optimizalo e con iso reducir os tempos de publicación dos anuncios dende a súa recepción no rexistro da Deputación de Pontevedra.
Unha das principais simplificacións realizadas é relativa ao mecanismo de remisión dos anuncios por parte dos diferentes anunciantes para a súa publicación no boletín. Neste senso, habilitouse un novo mecanismo de remisión de anuncios a través da páxina Web do BOPPO. Esta páxina permite, a través dun formulario, cumprimentar os datos do anuncio a publicar (datos do anunciante, do pagador se procede o do propio anuncio) e xera un xustificante en PDF cun código único de solicitude. Este xustificante é remitido ademais á dirección de correo indicada polo anunciante.
Unha vez rexistrado o anuncio, a xestión da súa publicación realízase a través do sistema de xestión de expedientes eDepo da institución que garante una tramitación 100% electrónica eliminando o uso de papel durante todo o proceso. A través deste sistema, os empregados da Deputación de Pontevedra poden realizar o control do pagamento do anuncio integrado co sistema de xestión de cargos posto en marcha pola Deputación, planificar a súa publicación nunha data concreta e realizar todos as labores de maquetado e publicación desatendida do BOPPO.

Ferramenta de xestión de expedientes eDepo

Para a realización de todo o proceso de maquetado de anuncios, a solución apóiase na ferramenta de edición Adobe InDesign que permite automatizar de xeito parcial este proceso reducindo notablemente o tempo empregado para esta tarefa.
O sistema permite ademais realizar a sinatura electrónica dos anuncios de forma desatendida, paso indispensable para dar ao BOPPO carácter oficial e auténtico, e inclúe os mecanismos que garanten a publicación do mesmo sen intervención humana.
Novo formato de publicación
O novo BOPPO inclúe ademais importantes cambios para adaptar esta publicación aos novos tempos e optimizala para mellorar a súa consulta a través de Internet.
Entre os cambios mais significativos que se acometeron nesta nova versión destaca o cambio estético aplicado na publicación de cara a adaptala ao propio deseño do portal www.boppo.depo.es.
Ademais, realizouse un cambio completo no formato de publicación usando arquivos independentes en formato PDF e HTML para cada un dos anuncios publicados co obxecto de facilitar a súa lectura sen ser preciso descargar o BOPPO completo e facilitando a localización da información publicada. Ademais, cada un dos anuncios en formato PDF inclúen a sinatura electrónica, realizada co certificado do BOPPO, e un selo de tempos. A utilización de ambos mecanismos garante a autenticidade dos anuncios e que estes non foran alterados trala súa publicación. Da mesma forma, o novo BOPPO inclúe un arquivo co sumario do mesmo tamén asinado de xeito electrónico.
Outro dos cambios introducidos é a inclusión dun código seguro de verificación en todos os anuncios publicados que permite aos cidadáns verificar a autenticidade dun anuncio impreso cotexando este coa súa versión dixital.
Novos servizos para os cidadáns
O novo BOPPO inclúe tamén melloras no seu portal web orientadas a optimizar os servizos que se prestan aos cidadáns que consultan a diario esta publicación. Así por exemplo, incorpóranse melloras no buscador que permitirán localizar anuncios polo organismo que os publica ou pola tipoloxía do propio anuncio.
Outras das melloras principais incorporadas no novo sistema permite que os cidadáns se subscriban ao BOPPO recibindo todos os días unha notificación no seu correo electrónico informándolles dos novos anuncios publicados no boletín. Esta subscrición pode realizarse para calquera anuncio do boletín ou só para determinados tipos de anuncios como por exemplo “convenios colectivos”, “editos xudiciais”, etc.
Vindeiras funcionalidades
Tralo lanzamento do novo BOPPO a Deputación de Pontevedra continúa a traballar na posta en marcha de novos servizos que melloren os que xa se están a prestar. Así por exemplo, logo da posta en marcha da sede electrónica da Deputación de Pontevedra trabállase na inclusión na mesma do procedemento de solicitude de inserción de anuncios no BOPPO. Segundo explican fontes do organismo provincial, “isto permitirá aos cidadáns realizar esta solicitude de maneira telemática co emprego do certificado dixital ou o DNI electrónico evitando a necesidade de realizar desprazamentos para remitir as solicitudes a algún dos rexistros da Deputación de Pontevedra”.

Ferramenta de maquetación Adobe InDesign

Outras das funcionalidades que se porán en marcha de forma inminente permitirá verificar a autenticidade dos anuncios a través da incorporación nos mesmos dun código QR que permitirá descargar de forma automática o arquivo electrónico dende calquera dispositivo móbil que conte con conexión a Internet e con algunha aplicación instalada para ler este tipos de códigos.
Outra das funcionalidades permitirá realizar a tradución automática ao castelán ou o galego dos anuncios publicados en función do idioma no que estes foron publicados inicialmente. O BOPPO publícase a día de hoxe no idioma no que o anunciante envía o anuncio polo que esta funcionalidade permitirá consultalo no idioma que se desexe tendo en conta sempre as limitacións das ferramentas de tradución automática.
Plataforma tecnolóxica
O novo BOPPO susténtase nun conxunto de compoñentes software e hardware que garanten unha tramitación integramente electrónica da publicación do boletín. Toda esta infraestrutura acubíllase no CPD da Deputación de Pontevedra o que garante una prestación do servizo en alta dispoñibilidade.
O portal do BOPPO está implantado sobre a plataforma de xestión de portais da Deputación de Pontevedra baseada na solución Liferay na versión 6.1.
Todos os boletíns publicados, tanto na versión PDF como na HTML, están almacenados no sistema de xestión documental da institución baseado no produto IBM Filenet. Segundo a Deputación, “o uso deste xestor documental garante un rendemento óptimo na velocidade de transferencia de arquivos e aporta funcionalidades avanzadas na indexación do contido dos mesmos o que se traduce en melloras importantes na localización dos anuncios a través da busca por texto dende o portal”.
Todo o proceso de tramitación do boletín apoiase no xestor de expedientes eDepo implantado sobre o produto Cividas. Esta ferramenta permite realizar unha xestión integral e completamente telemática dende a recepción do anuncio nalgún dos rexistros da institución ata a súa publicación no portal do boletín.
Para as tarefas de maquetado dos anuncios contase coa ferramenta InDesign de Adobe e mais concretamente conta con dous compoñentes fundamentais. Por unha bada, a arquitectura da solución fai uso da plataforma InDesign server que se encarga de realizar unha pre-maquetación dos anuncios recibidos aplicando sobre estes un modelo e conxunto de estilos predeterminados. A maiores, estes anuncios serán maquetados de forma definitiva utilizando para elo o aplicativo InDesign.
O xefe de servizo de Novas Tecnoloxías destaca que “coa posta en marcha deste sistema a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa simplificación dos seus procedementos administrativos e coa eliminación do uso do papel na administración utilizando para isto as novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE