A Deputación de Pontevedra impulsa a rede CPAE 2.0 perante axentes comerciais e turísticos
xoves, 4 de febreiro do 2016
A Deputación de Pontevedra segue adiante coas súas
xuntanzas cos representantes do sector produtivo da provincia para
xuntar forzas arredor da rede CPAE 2.0 e tirarlle o máximo partido
posíbel. Se
os días foi a quenda das Cámaras de Comercio e máis
das asociacións de empresarios (AJE Pontevedra, APE Galicia, OPA
Galicia, AGTAMAR-UPTA, ATA, AEMPE, Executivas Galicia e AUGA) este
3 de febreiro organizouse unha xuntanza con representantes do sector
comercial e turístico. O obxectivo, como dixemos, impulsar o
Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0), unha rede
de seis puntos (Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, O Porriño e
Ponteareas) nos que emprendedores, autónomos e pequenas empresas
poden obter información e asesoramento personalizado sobre o emprego
das TIC no seu eido de actuación empresarial.
Acudiron até a reunión mantida no pazo provincial
representantes de FEGAPE, do Centro Comercial Urbano Zona Monumental,
do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e da Asociación
de Comerciantes de Ponteareas, que coñeceron, da man do deputado
Javier Dios, o funcionamento do CPAE 2.0, un servizo de asesoramento
TIC para as empresas.
Este encontro cos axentes sectoriais da provincia de
Pontevedra serviu para dar a coñecer o CPAE 2.0. A Deputación fixo
saber que se trata “dun servizo de información a PEME da provincia
de Pontevedra que ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento
económico a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade,
introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio
electrónico e impulsar a venda en liña”. O deputado salientou a
importancia destas reunións para coñecer de primeira man as
necesidades e achegas dos axentes sectoriais da provincia coa
finalidade de que o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial
responda a demandas reais que permitan impulsar o sector empresarial
e económico da provincia de Pontevedra.