A DosisPedia consolídase como unha ferramenta de grande utilidade para profesionais da saúde

xoves, 11 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A semana pasada Smart GalApps estreaba a súa solución para facilitar que asociacións de negocios poidan ter páxina web de seu, pero iso non significa que deixen de lado os seus vellos proxectos, sendo especialmente rechamante a boa acollida da DosisPedia, ferramenta móbil para axudar aos sanitarios a prescribir medicamentos aos cativos, que o pasado decembro estreábase en Android, e que un par de meses despois contou tamén con versión para iPhone, o que facilitou o seu espallamento até conseguir acumular un total de 35.500 descargas dende 130 países, o que é un grande logro para unha aplicación tan específica.
De feito, DosisPedia xa aglutina unha media de 2.000 usuarios diarios e unha media de 300 descargas ao día, recibindo tamén moi boa valoración por parte dos seus usuarios que lle outorgan un 4,6 sobre 5 de media (con máis de 400 valoracións). Amais, cómpre destacar que a popularidade da aplicación vai en aumento, de xeito que nos últimos días captaron un 20% máis de usuarios, de xeito que dende Smart GalApps aseguran que está a medrar en descargas tanto en número total como en ritmo de adopción, confirmando o acerto desta ferramenta de grande utilidade que incluso conseguiu trasladar o seu éxito a América Latina (de onde provén un grande volume de descargas).


Vídeo que permítenos ver como é o funcionamento da DosisPedia

PUBLICIDADE