A ESEI de Ourense prepara múltiples actividades para celebrar a Hora do Código

venres, 9 de decembro do 2016 Redacción

Tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero, facendo fincapé na importancia de achegar os segredos da programación ás novas xeracións, este mes de decembro celébranse en diferentes centros da nosa terra unha serie de actividades de divulgación TIC directamente encamiñadas a meternos de cheo no miolo da era dixital: cousas como introducir á rapazada no desenvolvemento de ferramentas informáticas, na impresión en 3D e nas máquinas con tecnoloxías abertas (como por exemplo drons). Trátase das actividades inseridas na iniciativa internacional Hora do Código, na que ademais do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia están a participar (pola nosa terra) a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (ESEI) e da Facultade de Informática da Coruña.
O sábado 17 de decembro, a ESEI unirase a esta celebración da Hora do Código organizando (a maiores das actividades dos centros educativos das que falamos antes) no Campus de Ourense obradoiros de programación, impresión 3D e drons abertos aos rapaces e rapazas interesados.
Como lembraremos, a Hora do Código está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. O obxectivo da iniciativa, explican os seus promotores, é “estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación”.
Volvendo ás actividades da Escola Superior de Enxeñaría Informática, desde a organización salientan que se agarda que 140 rapazas e rapaces de diferentes idades participen, acompañados de adultos, nas diferentes actividades. Para todas/os, o centro ofrecerá obradoiros de código para os máis cativos, robótica para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato. Máis polo miúdo, as actividades que se desenvolverán no Campus dividiranse en catro eixes, levándose a cabo diferentes sesións segundo as necesidades de cada obradoiro.
No eido da iniciación á programación, haberá talleres de programación de videoxogos e de Scratch para diferentes idades. Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 18 anos interesados poderán realizar un taller de iniciación á programación de dispositivos con Arduino, aprendendo a controlar pequenos dispositivos. O deseño e impresión 3D será o eixe outra das actividades, podendo os participantes coñecer como traballan estas máquinas e como se realizan pezas tridimensionais. Por último, tamén haberá unha sesión de drons onde os participantes coñecerán, en palabras da organización, “onde pode empregarse un dron, a súas partes e configuración e os diferentes modelos existentes”.

PUBLICIDADE