A ETSE de Telecomunicacións de Vigo traballa nun sistema que axuda ós maiores a traballar co computador

venres, 21 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Falamos moito da necesidade de estar na Sociedade da Información e algunha que outra vez mesmo falamos das súas vantaxes (o porqué de estar en liña), pero parámonos pouco en dar chaves de acceso. Ditou doutro xeito: non reparamos apenas en que hai moita xente que non ten a capacidade ou o coñecemento preciso para acceder ós recursos das redes. En Galiza xa se teñen posto en marcha medidas para corrixir estes erros e estas ausencias (como por exemplo o que está a facer a área de e-learning do Cesga), pero aínda queda moito por facer e, alén diso, é probable que todo o que se faga sexa pouco.
Polo que nos conta estes días Innovación, a Universidade de Vigo está a presentar un interesante proxecto de accesibilidade ó ordenador para persoas de idade.
A iniciativa, que se apoia no software libre e no sistema operativo Ubuntu, vai dirixida a quitarlle ferro ó feito de poñérmonos diante dun equipo informático e a facer algo que –en si mesmo- é moito máis arduo do que semella a primeira vista: converter o complexo en doado. Dito doutro xeito: do que se trata é de crear recursos (como configuración, pantalla gráfica, etc) que sexan tan recoñecibles e familiares como o chan mesmo que pisamos no fogar.
A iniciativa está en mans da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo. Segundo apunta Innovación, esta versión de Ubuntu inclúe estas características principais:
· O sistema comunícase co usuario en castelán (xa que as mensaxes en inglés provocan un bloqueo case instantáneo ao non saber o que din).
· O usuario pode ser axudado por terceiras persoas na tarefa de configurar as ferramentas que usa no ordenador. Esas configuracións ademais son portables de xeito que cando as use noutro ordenador estas presenten a mesma aparencia e se comporten exactamente igual en calquera computador no que traballe.
· Permíteselle seleccionar o lugar no que se atopa (casa, traballo, casa do fillo,...) e con só iso ter sempre o mesmo contorno en que el se sabe manexar.

PUBLICIDADE