A FIC acolle esta semana un obradoiro para aprendernos a instalar un sistema GNU/Linux

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

A Oficina de Software Libre (dependente do CIXUG) das universidades galegas, en colaboración co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), organiza esta semana un obradoiro para achegar aos estudantes unha porta directa á programación aberta. Máis polo miúdo, do que se trata é de fornecelos das claves básicas para pasarse ao software libre ao tempo que se lles amosa que dentro do panorama das fontes abertos hai todo tipo de ferramentas igual de rendíbeis, operativas e competitivas ca no eido do software privativo.
En termos máis concretos, aprenderáselles a instalar un sistema operativo GNU/Linux nos seus computadores persoais. A cita é estes 23 e 24 de setembro na aula 2.3a da Facultade de Informática da Coruña en horario de 16:00 a 19:00 horas.
O taller, informa o GPUL, vai dirixido aos estudantes de primeiro curso. O obxectivo, explica o grupo de programadores, é que poidan dispor dunha axuda no proceso de instalación da distribución Ubuntu SO.XUG, e así poder realizar as prácticas que lles son esixidas nos seus plans de estudo. Esta cita súmase ao obradoiro celebrado hai uns días na Universidade de Santiago orientado aos mesmos obxectivos e, tamén, organizado polo CIXUG. Lembrar por último que a distribución SO.xug é a distribución GNU/Linux das universidades galegas. Está baseada na edición 12.04 de Ubunto e, en liñas básicas, amosa unha adaptación gráfica cunha selección de paquetes base para os sete campus da nosa terra. O programa vén da man da Oficina de Software Libre do CIXUG, ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE