A Feira Internacional de Galicia Abanca estrea app de seu

luns, 23 de maio do 2016 Redacción

A Feira Internacional de Galicia Abanca (emprazada en Silleda) vén de habilitar unha aplicación de seu para móbiles e tabletas. A ferramenta, sinala a entidade, permitirá aos seus usuarios informarse de todas as actividades programadas no recinto. A aplicación pódese instalar de balde tanto en dispositivos Android como iOS. En palabras da Feira, estamos ante a primeira app “propia e xenérica” pata todas as súas actividades que leva a cabo un recinto feiral galego.
Segundo engade a entidade, conta cun calendario que inclúe todos os eventos organizados, contendo cada un deles datos de interese tanto para empresas como para profesionais ou público xeral que acudan como visitantes, como programa do evento, listado de expositores, horarios, planos, material audiovisual “e todo tipo de información complementaria”. Amosa, igualmente, un botón de localización que conecta con Google Maps para guiar ao usuario dende a súa posición até o recinto ou o lugar de celebración dalgún evento que se desenvolva no seu seo.
Asemade, dispón dun sistema de mensaxería mediante o que a entidade feiral avisará aos seus usuarios da celebración de todas as súas actividades nos días previos ás mesmas e realizará recordatorios. Con esta aplicación, a Feira quere “ampliar os servizos que ofrece tanto aos seus clientes como aos seus potenciais visitantes, apostando polas novas tecnoloxías”. Ademais, engade a entidade, “a súa posta en marcha suporá un aforro en custes de impresión de material gráfico dos distintos eventos”.
Salientar tamén que a app foi desenvolvida polo propio persoal da entidade feiral.

PUBLICIDADE