A Fundación Telefónica premia unha iniciativa dos estudantes de Brión: o proxecto Autómatas

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

A Fundación Telefónica vén de recoñecer a calidade e o importante compoñente innovador dunha iniciativa galega. Trátase de Autómatas, proxecto liderado por un grupo de estudantes de primeiro de Bacharelato de IES Brión, da Coruña. A proposta dos rapaces do concello coruñés foi premiada na categoría de Industria Intelixente na primeira edición do Concurso Interescolar Nacional de Robótica e Programación da Fundación Telefónica. Trátase dunha aplicación instalada nun robot con cámara intelixente que permite o seguimento, a detección e o recoñecemento facial de persoas.
A tecnoloxía é aplicábel en vehículos aéreos non tripulados (drons) e outros aparellos móbiles innovadores. Ademais, ten capacidade para aprender e ir optimizando, desta maneira, a súa precisión e fiabilidade. O proxecto Autómatas (cuxo funcionamento podemos ver ao detalle nun vídeo de YouTube) foi seleccionado entre os 40 finalistas que optaban aos premios, nos que participaron 1.457 proxectos, 395 colexios e institutos, 1.862 profesores e 5.571 alumnos ao longo do curso.
O certame tamén distinguiu a capacidade de innovación doutros sete proxectos tecnolóxicos nas catro áreas en competición: Educación Dixital, eSaúde, Internet das Cousas e Industria Intelixente. As iniciativas recoñecidas proveñen do Colexio Calasancio Hispalense de Sevilla (un total de tres), do CEIP Gonzalo Fernández de Córdoba de Madrid (un proxecto), do IES Márques de Santillana de Cantabria (un proxecto), do Colexio Giovanni Antonio Farina de Guadalaxara (un proxecto) e outro do CCEE San Cristóbal de Castelló. Ademais, o Colexio Cardenal Xavierre (Zaragoza) foi elixido como Mellor Escola (por ser a que máis proxectos e de máis calidade presentou), e o centro Fomento Aldovea (Madrid) recibiu a mención especial “Mozos Innovadores”.
Os premios consisten nunha viaxe ao Laboratorio de Nanotecnoloxía da Universidade de Oxford, kits de robótica e programación e dotación tecnolóxica para uso educativo. O nome dos gañadores deuse a coñecer este mércores durante un evento celebrado no Espazo Fundación Telefónica de Madrid.
A Fundación Telefónica proponse, a través deste concurso, “descubrir o espírito emprendedor dos mozos e desenvolver as súas habilidades de liderado e traballo en equipo, así como a súa capacidade de aplicar o enfoque científico na resolución de problemas”. O certame forma parte dun dos focos estratéxicos de Fundación Telefónica en Educación: a promoción das vocacións científico tecnolóxicas coñecidas como STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics).

PUBLICIDADE