A Fundación USC Deportiva convoca un curso para tirarmos o máximo proveito do GPS

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

A tecnoloxía, a actividade física e o lecer van da man a todos os niveis. Xa case ningún deportista concibe o seu día a día sen empregar algún tipo de aparello ou servizo TIC. As posibilidades de coñecemento propio e da contorna son infinitas, e non son poucas as que achegan tecnoloxías concretas como o GPS. Para amosalas en detalle, a Fundación USC Deportiva organizará en novembro en Santiago un curso avanzado sobre este recurso de localización por satélite dirixido ás persoas que xa realizaron o curso básico previo ou que teñen e empregan un dispositivo GPS dende hai tempo e queren aprender a sacarlle máis partido. “Incidirase sobre todo na edición, realizando un amplo tratamento de datos e mapas”, sinala a Fundación.
O curso, cunha duración de 9 horas e impartido polo técnico de Sendeiros da Federación Española de Montaña e Escalada e a Escola Española de Alta Montaña, Javier Aradas Mariñas, conta coa colaboración de TwoNav, empresa española que desde hai máis dunha década proporciona ferramentas para tirar o máximo proveito ás actividades de lecer ao aire libre. A empresa, sinala a Fundación, salienta entre outras polo seu catálogo de GPS de última xeración, polo completo arquivo cartográfico que atesoura e por achegar tamén softwares de navegación do mercado. Por certo que TwoNav fornecerá de balde a ferramenta informática para o curso e sorteará unha licenza gratuíta entre os asistentes.
Para participar nesta actividade deberemos formalizar a inscrición a través da páxina web da USC Deportiva. O custo do curso é de 38 euros (ou 43,60 coa comida incluída) e as prazas son limitadas (máximo 10 participantes), polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posíbel “xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación”, engaden os organizadores.

PUBLICIDADE