A Fundación Vodafone dá a coñecer as súas aulas dixitais portátiles para campos de refuxiados

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

As empresas TIC están que non paran no Mobile World Congress, amosando novos servizos e, tamén, achegas de carácter marcadamente social, solidario e humanitario. Sen ir máis lonxe, a Fundación Vodafone deu a coñecer na feira de Barcelona a súa iniciativa Instant Classroom, unha proposta para dar forma a escolas dixitais e que, segunda apunta a compañía de telecomunicacións, poden instalarse moi axiña e fornecer aos nenos e adolescentes do mundo “unha oportunidade para prolongar os seus estudos nos campos de refuxiados”.
Instant Classroom, engade a empresa, foi deseñada para operar en zonas onde a electricidade e a conexión a Internet son escasas ou inexistentes e será despregada en colaboración coas Unidades de Innovación e Educación de ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para os refuxiados).
A aula dixital, para facernos unha idea da súa flexibilidade e lixeireza, pode carretarse nunha caixa de algo máis de cincuenta quilos e vén equipada cun portátil, 25 tabletas con software formativo xa instalado, un proxector, un altofalante e un módem que proporciona conexión 3G. “As tabletas”, explica Vodafone, “conéctanse de maneira local ao portátil, permitindo aos profesores distribuír contidos e aplicacións aos alumnos sen necesidade de acceder a Internet”.
Asemade, a empresa sinala que todos os compoñentes de Instant Classroom poden cargarse de forma simultánea desde unha única fonte de electricidade mentres a caixa está pechada. “Tras 6 ou 8 horas de carga, Instant Classroom emprégase durante un día enteiro nunha aula sen acceso a electricidade”, explica.
Sobre a súa aplicación práctica, Instant Classroom chegará en breve a unha ducia de complexos de persoas desprazadas de Kakuma (Kenia), en Nyarungusu (Tanzania) e na República Democrática do Congo. “Até 15.000 nenos e mozos de entre 7 e 20 anos poderán acceder a métodos de ensino só dispoñíbeis arestora nalgunhas escolas dos países máis desenvolvidos”, explica a fundación.

PUBLICIDADE