A Galipedia chega aos 125.000 artigos

martes, 15 de setembro do 2015 Redacción

A Galipedia, a enciclopedia libre en galego, superou este 14 de setembro os 125.000 artigos. Así nolo lembra Elisardo Juncal, co-administrador da versión na nosa lingua da Wikipedia, quen tamén recorda que ter acadado a devandita cifra sitúa ao proxecto na posición 45 por número de artigos entre todas as wikipedias da Fundación Wikimedia, “todo isto grazas á colaboración de todos os usuarios”. Cómpre sinalar que a Galipedia foi posta en marcha en 2003 e que, dende aquela, foi obxecto dun imparábel proceso de crecemento en número de artigos, pero tamén en materia de comunidade e calidade (isto último grazas á adopción dun réxime de revisión constante de contidos).
Proba do devandito, sinala Juncal, é a consecución de 43 artigos de calidade, que son algúns dos mellores artigos que hai no proxecto, e que nalgúns casos son superiores aos das wikipedias noutras linguas. “A Galipedia”, explican os seus impulsores, é unha iniciativa aberta e sen límites e “todo o mundo pode colaborar sen importar o seu nivel académico”. De feito, hai tarefas axeitadas para cada persoa que queira cooperar e formas de botar unha man que non implican a edición de artigo. Por exemplo, unha maneira moi importante de axudar no proxecto é subir fotografías con licenza libre dos lugares da nosa terra, as aldeas, os ríos, os castros, os petróglifos, as praias, etc. “Dende o proxecto”, explica Juncal, “sempre animamos á xente a que participe na creación da enciclopedia de todas e todos, e se non saben por onde comezar poden pedir axuda na Taberna que sempre hai alguén para botar unha man aos que empezan”.

PUBLICIDADE