A Galipedia tamén escurece as súas páxinas

xoves, 5 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Ante a votación que hoxe terá lugar no Parlamento Europeo sobre a Directiva sobre dereitos de autor na Unión Europea, o pasado martes a Wikipedia en italiano decidiu escurecerse, conseguindo dar así unha grande visibilidade a unha protesta contra o que está considerado como unha enorme ameaza para a Internet como a coñecemos. Ao día seguinte a Wikipedia en español uniuse a tal protesta de xeito activo, e finalmente tamén a Galipedia uniuse ás protestas, presentando tamén un comunicado no que dan conta dos atrancos que a proposta de Directiva introduciría na web. Aseguran que na súa forma actual o texto lexislativo impediría compartir novas en redes sociais ou atopar os artigos en buscadores, e incluso poríase en risco a propia Wikipedia.
En protesta dos artigos 11 e 13 da nova Directiva, a Wikipedia en galego escurece as súas páxinas, buscando así chamar a atención sobre este problema e procurando que o Parlamento Europeo recapacite sobre o xeito de proceder neste ámbito, e sexa máis receptiva á hora de reformular a lexislación sobre propiedade intelectual e industrial, atendendo a todos os puntos de vista e non só aos intereses dun poucos, coas consecuencias negativas que iso pode ter (lembremos, por exemplo, como o canon AEDE na práctica non está a beneficiar economicamente á prensa española e, pola contra, provocou o peche de Google Noticias en España).

PUBLICIDADE