A LaconNetwork celebrará o seu 5º aniversario o 6 de febreiro

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O encontro de emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego LaconNetwork, que xunta a unha importante representación do sector TIC os últimos venres de cada mes para compartir un xantar e tecer contactos, celebrará o vindeiro 6 de febreiro o seu 5º aniversario en Santiago de Compostela e, como vén a ser habitual nos eventos de aniversario da LaconNetwork, aparte do xantar-networking tamén haberá un programa de actos preliminar que se desenvolverá durante toda a mañá.
Os interesados en asistir poden xa inscribirse a un prezo promocional de 25 euros durante o que resta de mes (os que se inscriban máis adiante deberán afrontar o pagamento dun importante recargo) o que habilitará o acceso ás conferencias e ao xantar, mentres que por 40 euros será posible facerse tamén cunha camiseta da LaconNetwork.

Imaxe dunha das mesas redondas da pasada edición da LaconNetwork

O programa provisorio deste evento é o que segue:
- 9:00 – Recepción de asistentes
- 9:30 – Inauguración
- 10:00 – Mesa redonda: Reemprendedores (polo momento está confirmada a presenza do fundador de Pablo Pazos, fundador de ReallyLateBooking)
- 11:15 – Entrevista Admin. Pública (realizada por Adrián Sánchez Mandayo, co-fundador de Lupeon 3D)
- 12:00 – Coffe Break
- 12:30 – Mesa redonda: Acelerantes
- 13:30 – Cinco Anos de Lacon
- 14:00 – Relatorio de Lanzadera
- 15:30 – Comida e networking
Nos vindeiros días iranse detallando os relatores e integrantes das mesas redondas que participarán neste encontro para o que se agarda unha asistencia multitudinaria como en anteriores ocasións.

As LaconNetwork de aniversario tenden a congregar a centos de asistentes

PUBLICIDADE