A Lily Camera non verá a luz

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cada vez resulta máis evidente que as campañas de micromecenado para financiar a elaboración de produtos de electrónica de consumo son un grande risco e non supoñen compras anticipadas como moitos as ven, pois na meirande parte dos casos os emprendedores detrás dos proxectos carecen da experiencia que lles permita estimar correctamente os recursos necesarios e, especialmente, os tempos precisos para as distintas fases que van dende a mesa de deseño até o produto final.
Como exemplo de proxecto fracasado tempos agora a Lily Camera, un dron que en 2015 propoñía converterse nunha cámara voadora persoal, de xeito que o seu usuario podería fotografarse ou gravarse en vídeo dende as alturas sen ter que pilotar de xeito preciso o dron, que seguiría de xeito automático o obxectivo fixado (que debería cargar cun dispositivo de seguimento). Este prometedor trebello podía adquirirse por 499 dólares entre maio e xuño de 2015, estimándose que se entregaría aos usuarios finais en febreiro de 2016. Os prazos estaban lonxe de cumprirse, e antes de rematar 2015 xa adiaban o envío dos drons até o verán de 2016, e pese a que nas últimas semanas aseguraban estar a piques de iniciar os envíos para os pedidos de EE.UU., finalmente publican hoxe un comunicado dando conta do remate do proxecto.
Deste xeito, o proxecto de máis de 3 anos remata sen acadar o éxito, principalmente por non poder conseguir o financiamento preciso para poder fabricar e enviar as primeiras unidades do produto, pese ao bo funcionamento dos prototipos e a recadar 34 millóns de dólares en pedidos anticipados. Por fortuna, desta volta a compañía non pecha a porta deixando aos seus mecenas totalmente tirados, e promete devolver os cartos achegados durante os vindeiros 60 días.

A Lily Camera seguía ao usuario de xeito automático, de xeito que promocionaban o produto como unha cámara voadora en vez de como un dron de consumo.

PUBLICIDADE