A Mesa lanza campaña na Rede para denunciar a discriminación ao galego do IDAE

venres, 22 de xullo do 2016 Redacción

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de pór en marcha nas redes sociais unha campaña para impulsar a dimisión ou cesamento dos responsábeis do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, que negaron axudas aos Concellos de Teo, Santa Comba e Santiago por ter presentado en galego os informes para a solicitude.
A campaña en cuestión estase a artellar a través da propia web da Mesa (cunha petición colectiva na que poden asinar os internautas) e tamén nos sitios que a plataforma mantén no Facebook e máis no Twitter, onde se está a xerar unha intensa actividade contestataria e de repulsa contra este proceder do IDAE que A Mesa cualifica de “chantaxe lingüística” e “claramente discriminatorio”.
Segundo recorda a plataforma galega a prol da lingua, o rexeitamento das ditas solicitudes por estaren redactadas en galego vulnera entre outros regulamentos (alén do feito de que o galego é idioma co-oficial do Estado) o contemplado na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001, que no seu artigo 10 sinala que as autoridades públicas deben de “garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas minorizadas” e “permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua minorizada”.

PUBLICIDADE