A Noite da Enxeñaría en Informática, polo miúdo no novo número de TIG@

luns, 8 de agosto do 2016 Redacción

Foto de familia da edición do ano pasado da Noite do CPEIGO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia vén de anunciar o lanzamento en formato electrónico do novo número da revista TIG@, a publicación propia do CPEIG na que se abordan múltiples cuestións relacionadas co desenvolvemento da informática na nosa terra, facendo fincapé no importante traballo das e dos nosas/os profesionais. Neste número da revista (a décima entrega da publicación, que ten periodicidade cuadrimestral) o eixe temático da mesma é a pasada celebración da Noite da Enxeñaría en Informática, que se desenvolveu o 3 de xuño en Santiago e que, unha vez máis, foi quen de xuntar unha nutrida representación de colexiadas e colexiados, empresariado e representantes públicos. A publicación inclúe unha reportaxe fotográfica sobre o evento e os seus premios anuais do CPEIG.
Tamén se achega neste novo número o habitual artigo de opinión do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, quen aposta na súa contribución por “unha tecnoloxía cooperativa, integradora e segura da man dos profesionais certificados”, facendo fincapé no reto da seguridade e a privacidade informática e na necesidade de garantir que as/os responsábeis das mesmas, presentes en todo o ciclo de deseño e desenvolvemento dos produtos e servizos, “sexan profesionais debidamente formados e cualificados”.
Asemade, a revista incorpora un artigo de opinión de Sandra Sinde, directora de Compra Pública Innovadora e Innovación Aberta en Idom Consulting, ademais da sección habitual de Beneficios colexiais e da repercusión nos medios de comunicación da actividade do CPEIG.

PUBLICIDADE