A OCU combate as subas do petróleo cunha plataforma social en liña

xoves, 28 de maio do 2015 Redacción

Os prezos dos carburantes varían arreo, e case sempre soben... Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) estes cambios “non sempre responden á evolución dos prezos do petróleo”. Atendendo a isto, a OCU vén de facer público o lanzamento da súa primeira compra colectiva de carburante, apoiándose directamente na web quieropagarmenosgasolina.org, unha rede social que xa vai camiño de ter 220.000 membros.
Emporiso, cómpre dicir que esta iniciativa non é a primeira nesta liña que leva a cabo a OCU, pois nos últimos anos aplicou a mesma idea a outros produtos enerxéticos como a electricidade e o gas, onde fixo tamén compras colectivas á procura de abaratar estes servizos para os consumidores.
Segundo a asociación, esta velocidade no traslado das subidas do petróleo aos carburantes, coñecida como efecto foguete, contrasta coa lentitude no traslado das baixadas, chamada efecto pluma.
Pola súa banda, o Goberno anunciou medidas para tentar fomentar máis a competencia no mercado dos carburantes que se incluirán no proxecto da Lei de Hidrocarburos. Deste xeito, os grandes operadores petroleiros non poderán copar máis do 30% das vendas comerciantes polo miúdo anuais en cada provincia a partir do 1 de xullo de 2016, coa intención de repartir a cota de mercado de maneira máis xusta.

PUBLICIDADE