A Oficina Europea de Patentes adxudica a Altia un contrato para o desenvolvemento das súas aplicacións
luns, 11 de novembro do 2024
A empresa galega Altia é a líder do consorcio que se encargará do desenvolvemento e o mantemento das aplicacións da Oficina Europea de Patentes durante os vindeiros cinco anos. Este contrato fortalecerá a infraestrutura tecnolóxica da EPO e será un elemento importante na posta en marcha do seu Plan Estratéxico 2028. O contrato ten un valor máximo estimado de 160 millóns de euros. O consorcio inclúe ás empresas Bilbomática (Altia), ARHS, SoftServe e SAM Solutions; todas elas con ampla experiencia en proxectos tecnolóxicos de gran envergadura.
A empresa galega explicou que este contrato, denominado SDAM, é “fundamental” para a EPO, institución intergobernamental que recibiu máis de 199.000 solicitudes de patentes en 2023 e xoga un papel crucial no apoio á innovación e o crecemento económico en Europa.
O contrato da EPO céntrase no desenvolvemento e mantemento de aplicacións críticas para a organización e alcanza os dominios relativos a negocio, corporativos e de publicación web. Altia, xunto cos seus socios do consorcio, será responsábel da creación, mantemento e optimización das aplicacións que soportan os procesos internos e externos da EPO. “Estas aplicacións”, explican fontes da empresa con sede en Oleiros, “serán ser robustas, eficientes, flexíbeis e capaces de manexar as complexidades do sistema de patentes europeo”. O consorcio, ademais, será responsábel da evolución e do mantemento preventivo e correctivo das aplicacións obxecto do contrato, garantindo a súa operatividade e seguridade. Isto inclúe o soporte, a resolución de problemas e a actualización de sistemas para manter altos niveis de rendemento.
Ademais, implementaranse melloras na infraestrutura tecnolóxica da EPO, con actualizacións de seguridade e optimización do rendemento para asegurar que os sistemas sexan resilientes e capaces de adaptarse a futuras demandas.
“Estamos moi orgullosos de liderar este consorcio e de ser seleccionados pola EPO para un contrato de tal relevancia e envergadura”, afirma Óscar Fernández, director de Altia European Services, engadindo que “a experiencia combinada dos nosos socios permítennos abordar as complexas necesidades tecnolóxicas da EPO con eficacia e seguridade”.