A PS4 permitirá facer streaming de partidas a través de YouTube

mércores, 2 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Sony está a preparar unha importante actualización do software de sistema da PlayStation 4, que chegará á versión 3.00 (alcumada Kenshin) e incorporará unha chea de novidades moi demandadas polos usuarios xunto cun incremento do espazo de almacenamento na nube aos subscritores de PlayStation Plus, que pasará de 1 a 10 GB.

A vindeira actualización do software de sistema da PS4 xa está dispoñible en beta

Coa actualización incorporarase unha nova sección no menú da consola para Eventos, o que facilitará que os usuarios saiban de actividades relativas aos títulos que máis xogas (como anuncios de fins de semana con dobres XP); estréase YouTube en directo para poder gozar do streaming de xogos en YouTube (que pode verse na web ou na nova aplicación YouTube Gaming); a aplicación Amigos estrea a sección Grupos favoritos; os usuarios de PS4 poderán crear Comunidades con intereses compartidos; facilítase o compartir clips de vídeo de até 10 segundos de duración a través de Twitter; os usuarios poderán seguir emisións, videoclips e pantallas na área de PlayStation en vivo; engádese a opción de realizar capturas de pantalla en formato PNG (para os usuarios máis esixentes que buscan unha calidade de imaxe maior que a das imaxes JPEG); a pantalla de Now Playing amosa información sobre o que están a facer os nosos amigos; poderase enviar notificacións a un xogador para poder ver a súa partida ou recibir unha invitación Share Play; e tamén estrearanse os adhesivos que tan de moda están nas aplicacións de mensaxería.

PUBLICIDADE