A Plataforma de Turismo Industrial impulsada pola Deputación da Coruña lanza web e app

martes, 1 de setembro do 2015 Redacción

A Deputación da Coruña, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), puxo en marcha unha iniciativa de promoción turística que bota man das máis avanzadas tecnoloxías da información e convoca a empresas de toda a provincia para impulsar e fortalecer a actividade de seu. Segundo fai saber o organismo provincial, a iniciativa en cuestión coñécese como Plataforma de Turismo Industrial e nela participan xa, directamente, arredor de 70 firmas do sector. A achega conta con financiamento de fondos FEDER e o seu obxectivo, lembra a Deputación, é “promover as visitas turísticas, a venda de produtos autóctonos e a dinamización económica das comarcas”. A través da Plataforma véñense de habilitar unha web e unha aplicación nova para dispositivos intelixentes que permite aos visitantes obter información ou reservar visitas ás empresas.
A iniciativa, engade o organismo provincial, comezou a súa andaina a comezos do ano pasado, “con sesións de asesoramento e consultoría personalizada” que serviron entre outras cousas para xerar coñecemento sobre as empresas integradas e sobre as súas potencialidades. Agora, o proxecto chega ao último treito do camiño do seu desenvolvemento coa creación de rutas, experiencias e paquetes turísticos e coa difusión da plataforma a través dunha páxina web específica e dunha aplicación descargábel para dispositivos intelixentes (xa dispoñíbel nas plataformas iOS e Android) nas que se ofrece ao usuario información detallada de cada un dos cinco “eixes turísticos” que conforman a oferta, e que se corresponden con cinco zonas xeográficas da provincia. Ambos recursos fornecen tamén información turística sobre aloxamentos e locais de hostalería, patrimonio cultural, artístico e etnográfico, paisaxes naturais ou museos en cada unha das zonas.
Respecto ás cinco zonas devanditas, sinalar que se corresponden con cinco rutas temáticas, unha das cales versa sobre Natureza e Enerxía e céntrase nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Estas bisbarras contan con 10 empresas implicadas no proxecto. “Nesta zona”, sinala a Deputación, “existe a posibilidade de visitar industrias, empresas de alimentación que traballan de xeito artesanal ou viveiros de plantas, o que se combina coa oferta natural que ofrece zona, con enclaves singulares como as Fragas do Eume ou a Serra da Capelada”.
Outro dos eixes temáticos é Construíndo o cotián e radícase na contorna do interior da Coruña e a comarca de Bergantiños. Nel concorren 21 empresas e baséase en potenciar o turismo industrial mediante visitas a PEME nas que se pode descubrir como son os procesos de manufactura e creación dunha manchea de produtos de uso diario, que van dende o traballo artesán dos oleiros de Buño, á creación de prendas téxtiles en Cambre, de cantería en Vilarmaior ou de vidro e metal en Vimianzo.
Outro dos fíos argumentais da proposta é O Mar e os seus oficios, con sede na Costa da Morte e Barbanza, e acubillando un total de oito empresas. Son firmas pertencentes sobre todo ao eido da alimentación e do mar e que permiten, a través deste proxecto, amosar actividades como o marisqueo do berberecho en Cabana de Bergantiños, o oficio das redeiras en Ponteceso, ou un secadoiro de congro en Muxía.
As Mariñas de Betanzos e a súa contorna achegan outro dos eixes da iniciativa, Reinventando a alimentación, no que participa unha ducia de firmas locais ligadas á alimentación e aos produtos ecolóxicos ou innovadores. Finalmente, o eixe Camiños de terra e auga xunta 18 empresas do sur da provincia, entre as comarcas de Compostela e interior coruñés, centrando fundamentalmente a súa oferta en visitas a industrias do sector agroalimentario, que ten incorporado en moitas ocasións novos sistemas de fabricación sen perder o valor da produción artesanal.

Detalles sobre a aplicación

Na aplicación para dispositivos, sinala a Deputación, o usuario pode acceder á información de cada unha destas rutas temáticas e a información detallada das empresas participantes, incluíndo horarios, imaxes, datos de produción, mapas, historia, números de teléfono e enderezos de correo electrónico de contacto, etc. Tamén se fornece a posibilidade de reservar directamente visitas en función dos días e horarios habilitados por cada empresa.
A Deputación da Coruña, a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia que suporá un investimento de 33.000 euros, inicia agora unha nova etapa deste proxecto, que consistirá no asesoramento ás PEME para a sinalización dos distintos itinerarios polas factorías, na definición de rutas, creación de experiencias e paquetes turísticos e en campañas de formación para a implantación de plans de calidade e novas tecnoloxías aplicadas á xestión, comercialización e promoción dos produtos.

PUBLICIDADE