A PlayStation 4 estreará casco de realidade virtual o ano que vén

mércores, 4 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Estes días está a celebrarse no Moscone Center de San Francisco a Game Developers Conference (GDC), evento que aproveitan as principais compañía de videoxogos de todo o mundo para presentar as súas maiores innovacións, o que pola banda de Sony e o achegamento á PlayStation 4 do sistema de realidade virtual coñecido polo momento como Project Morpheus, e que está composto por un casco do que xa se amosaron prototipos o ano pasado que pode lembrarnos ás populares Oculus Rift, e do que finalmente dan o dato máis esperado: a súa data de lanzamento.
Aínda que a realidade virtual parecía correr o risco de converterse nunha eterna promesa, finalmente dende Sony aseguran que a súa solución para PS4 ten previsto o seu lanzamento na primeira metade de 2016, o que indicaría que está xa nun estado moi avanzado, e incrementa a curiosidade de cara á feira E3, na que é de agardar que presenten bastantes mostras do que permitirá esta tecnoloxía na última consola de Sony.
O prototipo de Project Morpheus que se pode ver na GDC experimentou melloras considerables con respecto á anterior versión, de xeito que agora o casto de realidade virtual estará baseado nunha pantalla OLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, unha taxa de refresco de 120 Hz e unha latencia de menos de 18 milisegundos, o que permitiría somerxerse con grande realismo en mundos virtuais. O seguimento dos movementos da cabeza do usuario tamén mellora grazas á incorporación de máis sensores no casco e o seu deseño optimizouse para que sexa máis doado de pór e quitar, mantendo o peso do dispositivo sobre a cabeza, de xeito que non exerza presión na cara do usuario.

O prototipo de Project Morpheus presentou un novo deseño na GDC

PUBLICIDADE